Galicia mobiliza 8,6 millóns de euros para impulsar a innovación nas pemes

Galicia mobiliza 8,6 millóns de euros para impulsar a innovación nas pemes
Instalacións da firma arousana onde se desenvolve o seu proxecto sustentable a base de mexillón | Jl. Oubiña

Galicia mantén a súa aposta por impulsar o tecido empresarial galego coa reactivación de dúas liñas de axudas, InnovaPeme e DeseñaPeme, coas que o goberno galego prevé apoiar ao redor de 90 pemes e microempresas co obxectivo de introducir as vantaxes da innovación nos seus procesos, organización, produtos e servizos. Investiranse 4,3 millóns de euros que permitirán mobilizar o dobre, chegando aos 8,6 millóns de euros.


Deste xeito, a Xunta de Galicia pretende amosar o seu firme compromiso coa mellora da competitividade do tecido empresarial galego a través da innovación, poñendo o foco en pemes e microempresas, con máis dificultades para emprender este camiño.


5ª edición de InnovaPeme

A convocatoria da quinta edición de InnovaPeme está aberta desde o 18 de abril e consiste nunha liña de axudas destinadas a incrementar as capacidades e actividades en plans de innovación das pemes e microempresas galegas con pouca ou nula experiencia neste campo.


Cun orzamento de 2,8 millóns de euros, permite ás beneficiarias poñer en marcha proxectos innovadores en procesos e organización, identificar tecnoloxías clave do seu negocio, mellorar a comercialización de produtos e servizos, captar financiamento ou protexer os seus resultados.


A convocatoria de InnovaPeme, de concorrencia competitiva, outorga axudas de entre 40.000 a 100.000 euros a preto de 40 microempresas con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que solicitan esta axuda. Así, preténdese incrementar o número de compañías innovadoras, potenciar a colaboración das pemes galegas con axentes do ecosistema e aumentar o gasto de I+D e de actividades vinculadas á innovación.


2ª convocatoria DeseñaPeme

Doutra banda, o 21 de abril abriuse o prazo para a segunda edición de DeseñaPeme, co reto de seguir avanzando na mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas a través do impulso da xestión do deseño como valor estratéxico.


Este programa ten como obxectivo apoiar a 50 proxectos centrados no deseño de produto, de servizos e experiencias, así como de marca e identidade corporativa para favorecer a posición das empresas. As axudas, de concorrencia competitiva, dispoñen dun orzamento de 1,5 millóns de euros, valoran a xeración de deseños sostibles e outorgan apoios de entre 5.000 e 100.000 euros.


Apoio á innovación

Ambas liñas da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, forman parte do conxunto de apoios para o impulso innovador nas pemes. Coa en marcha en 2017 de InnovaPeme, apoiouse a 160 pemes cun orzamento de 13,3 millóns de euros mobilizando 26,6, co mantemento de 767 postos de traballo nas TIC, a enxeñería ou o sector agroalimentario. DeseñaPeme, pola súa banda, investiu o pasado ano 1,5 millóns de euros para 25 proxectos que mobilizaron 2,95 millóns e fixeron posible a creación e mantemento de 86 contratos. 


Carmen Figueira | “Sen esta inxección económica non habería posibilidades de desenvolver o noso proxecto”


Xerente de Mariscos Sálvora Esta depuradora de mariscos de Vilagarcía de Arousa foi unha das beneficiarias do programa autonómico DeseñaPeme en 2021


Mariscos Sálvora, depuradora situada en Vilaxóan, é unha das empresas que a través do programa de axudas DeseñaPeme 2021 puido desenvolver unha nova vía na súa produción para elaborar un produto sostible a base de mexillón, que chegue a todas as casas e sirva de acompañamento a outras receitas. A súa xerente, Carmen Figueira, explica os detalles desta iniciativa na que a firma arousá inviste máis de 200.000 euros para desenvolver este proxecto que conta cun financiamento da Xunta de Galicia de preto de 60.000 euros.


Que proxecto desenvolveron con esta axuda?

Trátase dun proxecto de sustentabilidade mediante o cal, unha parte do produto que se perde, por tamaño, trátase de aproveitar para utilizalo en alimentación creando produtos novos. É unha receita caseira, totalmente natural e imos tratar que sexa totalmente ecolóxico no seu envase. É un prato elaborado que queremos que sexa versátil, e póidase utilizar de diferentes formas, como un primeiro prato, acompañamento ou unha salsa para aderezar outras elaboracións.


En que fase se atopa?

Estamos a finalizar a segunda fase e imos empezar coa terceira, que é moi interesante porque é na que o público decide. En breve comezaremos coas probas de fronte ao público e determinar como vai ir envasado, a súa presentación, cantidade e etiquetaxe exterior. Tamén tentaremos ensinar á xente as posibilidades que ten este novo produto e que vexan as múltiples opcións para o seu uso. Despois esperamos contar con outras axudas da Xunta para a súa comercialización.


Cales son os beneficios do mexillón? Seguirán apostando por esta liña con outros produtos?

O mexillón é un dos alimentos máis nutritivos que hai, é todo proteína, coa vantaxe de que non engorda, e é moi versátil. A xente descoñece as súas posibilidades. Cando teñamos encamiñado este proxecto, tentaremos facer o mesmo con outros produtos do mar, empezando cos mariscos.


Que supón para a súa empresa recibir o apoio da Xunta?

Sen esta inxección non habería posibilidades de poder desenvolver este proxecto. Apostamos por iso debido á crise que estamos a vivir, que fai que se necesite buscar unha vía alternativa de negocio. Actualmente temos un persoal duns 15 traballadores dependendo das necesidades, e con este novo produto poderemos contratar a máis xente. 


Galicia mobiliza 8,6 millóns de euros para impulsar a innovación nas pemes

Te puede interesar