Carlos Yus (Migallas Teatro): “Nun deporte hai gañadores e perdedores, pero no teatro gañamos todos”

Carlos Yus non tiña moita idea de facer teatro, pero estar a carón de María Campos, a querida ‘Señora de Palmírez’ acaboulle insertando o ‘gusanillo’. Hoxe fálanos da traxectoria de Migallas Teatro.

 

Como naceu Migallas Teatro?
Naceu hai máis de 30 anos e foi unha iniciativa de María Campos e miña. Naquela época apenas había teatro infantil en galego, nin cancións. Fixemos unha obriña, “O cantante e as mulleres”, porque había unhas xornadas organizadas pola Escola Oficial de Idiomas e pola Universidade de Vigo, que tiñan unha función programada dun grupo, pero enfermara un membro. Entón díxenlle a María de suplir a falta cantando eu coa guitarra e que ela fixera unhas personaxes. Entre esas personaxes naceu a señora de Palmírez, que xa leva anos no Luar. E combinamos cancións con teatro, criticando certas actitudes, como o non uso do galego. Ó rematar a función saíu unha espectadora a dicirnos que tiñamos que ir actuar á súa parroquia. Preguntou como nos chamabamos e nós non tiñamos nin nome, así que dixemos: ala, Migallas!

 

A última obra que crearon é “A primavera da aldea”, non? 
Nós, ademais de facer as obras de teatro, tamén impartimos talleres de expresión dramática, plástica e musical, e a final de curso facemos unha representación onde se recollen todos estes exercicios. Esta obra creámola inspirándonos no feito real do colexio de Vilariño de Conxo, que o ían pechar por falta de alumnado, entón os veciños ofreceron casas arrendadas a prezo baixo para que viñeran familias con nenos, e conseguiron manter o colexio. Tratamos temas importantes, como o despoboamento do rural e a chegada de persoas migrantes, de xeito humorístico. Hoxe en día representámola co grupo de teatro do CEIP As Covas, de Meaño, integrado por 22 nenos, pais e avós. Que, por certo, estamos facendo unha xira polo Salnés.

 

"Unha vez veu un señor maior tras unha función a darnos
unha aperta e único que nos dixo foi: fixéstesme rir e chorar"

 

E que tal esta experiencia?
Moi ben. Tamén é unha experiencia nova para nós, porque normalmente traballamos con nenos, pero non están os pais. E os nenos compórtanse de xeito diferente se están os pais. Entón deixamos claro que os que coordinamos somos Migallas. Aínda que tamén aportan ideas e axudan a controlar, sobre todo nos momentos previos á función, cando os cativos se poñen nerviosos.

 

Quen actúa e se porta mellor, os pequenos ou os maiores?
Hai de todo! (ri). O importante é ese clima que se crea, de xogo, porque isto xurdiu dun obradoiro que empezamos en outubro no colexio, que se chama “Xoguemos ó teatro”.  En Migallas traballamos moito coa improvisación, non hai que ‘chapar’ un papel. Sabemos máis ou menos o que vai pasar nesa escena e improvisamos. Tamén facemos moito o de intercambiar personaxes en diferentes funcións. Pasámolo ben e tamén que o pase ben o público, e de paso que reflexionen.

 

Que pensa que aporta o teatro?
É algo importantísimo para todo o mundo e vemos que está moi desatendido. Levamos máis de 30 anos indo por colexios, institutos... E teñen escenario, salón de actos... pero está abandonado. Non se fai teatro xa.  E hai que volver a iso, porque nos aporta perder a vergoña para falar en público e non é unha actividade competitiva. Nun deporte tes partidos e hai gañadores e perdedores, pero no teatro todos gañamos. E despois, poste no papel doutra persoa, desenvolves a solidariedade, o traballo en equipo ou a empatía.

 

Nestas máis de tres décadas, cal sería o mellor recordo?
Hai moitos. Pero temos unha obra,  “Un avó especial”, onde tratamos a relación entre un avó e unha neta e na que, ademais, abordamos a cuestión do alzhéimer, sempre dende un punto de vista optimista. Pois, ó rematar a función, achegóusenos un home dunha certa idade, deunos unha aperta... E non dicía nada. E o único que dixo foi: “Fixéstesme rir e fixéstesme chorar”. Que máis se pode pedir?

 

E para vostede como comezou a paixón polo teatro?
Improvisado. Eu collía a guitarra e cantaba algunhas cancións, pero non tiña pensado facer teatro. Pero como a María si que lle gustaba moito facer personaxes na vida real... Fixemos “O cantante e as mulleres”, que seguimos representando, e desde aí animeime.

 

Fan 70 representacións ó ano...
Si, ou máis. Nesta tempada temos todos os días. Abril, maio, xuño... temos todos os días lectivos, porque actuamos moito en colexios. A nós gústanos levar o teatro a sitios onde é máis difícil que o haxa. Hai nenos que teñen a sorte de ter uns pais que os levan ó teatro nun auditorio, pero outros moitos non poden. Imos a auditorios, pero tamén a asociacións, escolas... Chegamos, montamos todo nós mesmos, actuamos e recollemos. Quen queira vernos pode consultar a nosa axenda na nosa web.

 

E traballan en varias obras á vez?
Si, agora temos sobre 30 espectáculos. Temos por exemplo “Pegadas de Castelao”, que a faremos en Rianxo. Tamén “Brincadeiras da Lingua”, na que amosamos a riqueza dos ditos infantís tradicionais como o de botar a sortes: “periquito moño, metido nun saco, sae para fóra, cara de macaco”. Defendemos a ultranza os xogos populares fronte o abuso das pantallas, que xa se está demostrando que é un desastre. Tocamos moitos temas, baseándonos na tradición, na vida cotiá e o noso obxectivo é transmitir algo e facelo de forma amena, con ritmo, natural e que emocione. 

Migallas teatro 1
Integrantes da compañía Migallas Teatro, que xa cumpriu os trinta anos enriba dos escenarios | Cedida

Carlos Yus (Migallas Teatro): “Nun deporte hai gañadores e perdedores, pero no teatro gañamos todos”

Te puede interesar