O último boletín “O Umia” da Asociación cultural Amig@s de Fefiñáns xa está na rúa con cinco artigos e un agasallo para a vista: a que pode ser unha das fotografías máis antigas que se conservan do mercado de Fefiñáns; unha estampa que data do 1890, aproximadamente, e que está no arquivo fotográfico do Museo de Pontevedra. Os editores explican que “vese como aínda non existen as casas que están a carón do bar Laya, onde parece que existen estendas para o mercado”.
Tamén inclúe un artigo do profesor Laureano Aragunde Oubiña sobre os mariñeiros cambadeses mortos no servizo da Armada entre 1780 e 1810. Nesta ocasión rescata unha carta do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra sobre un proceso para que as súas familias puideran facerse coas axudas económicas que lle correspondían.
O catedrático de Bioloxía e Xeoloxía, profesor e expolítico, Víctor Caamaño Rivas, tamén firma un texto sobre a influencia da xeoloxía na paisaxe do Salnés, dando continuidade a unha serie de artigos que pretenden aportar coñecementos para que os amantes do medio natural comprendan a orixe da peculiar paisaxe saliniense, deténdose nos seus singulares outeiros e esas pías e cacholas, “caprichos do granito”, que tanto chaman a atención.
Pola súa banda, o profesor Emilio Xosé Ínsua aporta unha terceira mirada á vertente literaria do Marqués de Figueroa e o catedrático emérito da USC e académico numerario da RAG, o cambadés Paco Fernández Rei, fai un repaso por un libro que foi todo un acontecemento no 2024, “Onomástica popular cambadesa”, de Xoán Antonio Pillado Silvoso, cun artigo titulado “Os nomes festivos da xente de Cambados”. Por último, a sección Novos investigadores é para Denís Area Fernández, exalumno do IES Cabanillas e estudante de Historia da Arte na USC que fai unha análise do fenómeno audiovisual sobre o narcotráfico con “Cambados, plató do narco-relato”.