Fátima Rey convenceuse con 14 anos de que o seu era subir ás táboas e hoxe non concibe a súa vida sen o teatro. Hoxe fala con nós de Tatana, a compañía que fundou, e do seu pasado, presente e futuro.
Como evolucionou Tatana Teatro nestes case 14 anos de vida?
A compañía foi evolucionando segundo fomos evolucionando nós. Pero sempre mantendo a ilusión e a unión no grupo, que para min é indispensable. Fomos medrando en seguridade, en ter claro que pagaba a pena e, a día de hoxe, a compañía é un punto dentro do teatro da zona e, cos actores cos que conto, chegouse a un nivel de interpretación de moita calidade. Vimos agora de actuar en Madrid e ver que a xente se sorprende cunha compañía que é semiprofesional... é ese impulso de que a traxectoria valeu a pena.
‘A voz humana’ supuxo un punto de inflexión para vós. Por que?
Foi o primeiro proxecto teatral despois da pandemia. Apostamos moi forte por facer unha montaxe completamente profesional. Saíu moi ben pero fixemos un par de bolos nada máis. Había moitas ganas de movela pero a pandemia non acabou cando nos “desencerraron”, sobre todo no mundo da cultura. Eu a día de hoxe sigo saíndo da pandemia. Estamos empezando a levantar cabeza agora.Aínda falamos hai pouco de retomala, pero cun formato máis pequeno, para salas máis pequenas.
En que están traballando agora?
Nunhas cantas cousas (ri). Empezamos as primeiras lecturas de A Puerta Cerrada, de Jean-Paul Sartre, que queremos tela para febreiro; El Malentendido, de Camús; Tejas Verdes, de Fermín Cabal, que foi un profe meu que falaceu hai uns meses e queriamos facerlle a homenaxe de poñela en escea... E aínda me faltan dúas por escoller porque faltan actores para ter no reparto. Iso unido ás queimadas, animación en coles, clown, cursos...
"Eu o que quería era ser astronauta, pero desde que subín ó escenario souben que era o meu. Non imaxino a vida sen o teatro"
Tamén dá clases de teatro...
Dámolas na Casa da Cultura de Tremoedo, en Vilanova, os mércores e xoves a partir das 20:30. Sobre todo o que é improvisación, estar en escea, proxección da voz... E tamén imos empezar con ciclos de monólogos cómicos, que é dos retos máis grandes para un actor. Enfrontarse a un público descoñecido, facelo rir e que non che tiren algo á cabeza (ri).
Que trucos daría para iso, logo?
O principal sempre en teatro é desfrutalo. E, por suposto, conectar moi ben co público. Comezar incluíndoo no espectáculo pero sen que se vaia de “madre”. Porque ten pasado que falas co público... xa che conta a súa vida... e alá vai o espectáculo.
Que tal canteira hai no Salnés?
Marabillosa. É verdade que eu sempre os poño ó límite pero ó ter que dalo todo e estar traballando continuamente, o que melloran é espectacular. Dos meus actores só podo falar marabillas.
E como é o público de O Salnés?
No Salnés gusta moitísimo o teatro e está moi acostumado, co cal cada vez pódeslle ir dando cousas novas. Antes ían ver actuar un veciño, pero agora xa van ver a obra. Aquí o teatro sempre estivo e cada vez está máis forte e asentado. O teatro do Salnés non ten nada que envexarlle ó de ningunha outra parte.
Por que recomendaría facer teatro?
Todos necesitamos pertencer a un grupo e sempre dicimos que nos acabamos xuntando todos os raros (ri). En teatro traballamos con sentimentos, estaste abrindo en canal... Iso xera uns vínculos que acabas sendo familia. E nos nenos pequenos aprenden a enfrontarse ós demais... perder esa vergoña... e melloran nas notas, porque aumenta a capacidade mental á hora de memorizar un texto ou de estar a varias cousas á vez, porque hai que estar no que tes que dicir pero se un compañeiro queda en branco tamén tes que compensalo. Isto é algo grupal, en ningún momento é individual, incluso nun monólogo.
É máis difícil facer rir ou chorar?
Máis difícil é facer rir. Pero depende do texto. O drama eu adóroo pero suele funcionar sempre. É verdade que hai un tipo de público ó que non lle gusta ir chorar, e dicho: “para chorar xa está a vida”... Pero o drama a nivel de traballo actoral e de ver como reacciona o público, é marabilloso.
Por que elixiu ser actriz de teatro?
Realmente eu quería ser astronauta (ri) pero con 12 anos fastidiáronmo porque un profesor díxome que era moi alta para ser astronauta. Despois, no instituto, unha das optativas era teatro e vin que era o meu. Sempre fun moi paiasa. E desde que subín enriba do escenario tiven claro que era o meu. Non imaxino a miña vida sen o teatro. O que nunca pensei é que ía dirixir, e ó final é o que fago.
Que referentes ten?
En Galicia a miña maior referencia sempre foi Sarabela. É a compañía por antonomasia. E Fernando Dacosta é un actor marabilloso. A potencia dos actores galegos é espectacular.
Con que obras quedaría de todas as que representaron?
Luces de Bohemia, porque foi a primeira obra que lin de Valle-Inclán, cando aínda non podía porque era pequena. Sería unha ilusión estar na noite de Max Estrella en Madrid coa compañía. Por todo o que significa desa época na que a xente saía á rúa a loitar polos seus soños. Falta esa ilusión de soñar aínda que o mundo estea caendo a cachos. Tamén quedaría con algunha función no Principal de Santiago, que é un escenario que me encanta e vin á pantasma do teatro! Non había ninguén pero eu vin pasar un home. As actuacións alí sempre foron máxicas.