José Manuel Duarte: “A idea que temos que ter clara desde o principio: que temos que estar para dar un servizo aos cidadáns”

NOVO XEFE DA POLICÍA LOCAL | Tras case 30 anos de experiencia no Corpo de seguridade, José Manuel Duarte incorpora un novo capítulo na súa traxectoria como inspector xefe da Policía Local de Sanxenxo, un reto que na toma de posesión afirmaba afrontar con ilusión e con ganas de empezar e traballar co equipo
José Manuel Duarte: “A idea que temos que ter clara desde o principio: que temos que estar para dar un servizo aos cidadáns”
O inspector xefe no seu novo despacho | Mónica Ferreirós

Respaldado por unha traxectoria e experiencia profesional de case 30 anos no Corpo e unha formación continua que inclúe a Licenciatura en Criminoloxía, José Manuel Duarte tomou posesión como novo xefe inspector da Policía Local de Sanxenxo o pasado 25 de abril, onde mostrou a súa ilusión por este novo capítulo no seu percorrido. O municipio lilaino será a última vez que o axente ostente este posto, regresando á comarca do Salnés 20 anos despois do seu paso por Cambados entre os anos 2004 e 2008, e posteriormente exercendo como xefe da Policía na cidade de Pontevedra.

 

Que tal a incorporación ao Corpo de Sanxenxo tras pouco máis de un mes?
Andamos por 40 días, máis ou menos, desde o 25 de abril. Ben, as sensacións, moi boas, estou moi contento. O certo é que me recibiron moi ben, tanto os veciños –que xa pasaron varios por aquí– como funcionarios en xeral e, en especial, os compañeiros da Policía Local. Pero moi ben, moi contento.

 

Cales foron as primeiras impresións cos compañeiros? 
É certo que xa coñecía a algunha xente do Corpo da Policía Local, e incluso hai algún compañeiro da miña promoción do ano 97. Pero  en xeral ben, xa sabía un pouco a idiosincrasia desta Policía, de como estaba cohesionada, de algúns dos problemas que tiña... O procedemento foi moi ben e mesmo me sorprendeu moi gratamente que o día da miña toma de posesión estaban case todos os compañeiros alí.


Como xurdiu a candidatura ao posto e que motivacións lle fixeron escoller Sanxenxo como o seu seguinte destino?
Eu xa levaba un tempo dándolle voltas a un cambio de destino, buscando un cambio de aires e de dinámica. Convoucouse a plaza, vin a opción e falei co xefe anterior para coñecer as inquietudes. Ademais, o dispositivo de seguridade que se prevé nun municipio como Sanxenxo é diferenciado doutros polo incremento da poboación, o tipo de turismo, o tipo de ocio, as actividades... pois posúe un dinamismo terrible para o que é necesario ter moitas reu­nións e moito traballo previo, ademáis dunha análise posterior do que se fixo e o do que non se fixo tamén. E para min todo iso foi unha motivación. Ademais, estou moi preto do meu domicilio familiar, e iso tamén foi algo que se valorou.

 

Agora que xa está máis asentado, identificou algún ámbito no que haxa que poñer máis o foco en termos de seguridade?
A prioridade agora é a seguridade  en canto a eventos. Aínda que a afluencia de por si xa é importante no concello, a concentración de xente relativízase arredor dos eventos. Un exemplo que se me vén á mente é o concerto de Juan Luis Guerra, que sabemos que vai ser dos máis importantes do verán e imos ter unha incorporación de vehículos tremenda. Tamén, o punto que máis me preocupa é intentar rebaixar a tensión do tráfico.

 

Houbo algún cambio interno dende a súa chegada ao Corpo?
A estructura do Corpo funcionaba ben e non se tocou. Respecto ao réxime interno, cambiouse algún protocolo para adaptalos un pouco á miña forma de traballar. O Corpo está tomando ben os cambios, están esforzándose porque ao final estalos quitando da súa área de confort, pero está funcionando. Co tempo veremos se o sistema administrativamente é máis axil ou non.

 

Dende o seu punto de vista, que importancia ten a relación dos corpos de seguridade coa veciñanza?
A relación entre os corpos de seguridad e os veciños é fundamental. Hai cousas que se solucionan aquí grazas a eles, pois moitas veces dependemos da información que nos dan os veciños. Para temas de seguridade a colaboración cidadá é fundamental.

 

E cos demais corpos de seguridade...
A información ten que fluir constantemente entre os corpos. Dende o momento da miña toma de posesión, alí estaba o tenente da Garda Civil e teño con el unha relación moi cordial, falamos case a diario e reunímonos moitas veces.

 

Centrándonos un pouco no personal, que lle fixo querer ser policía?
Eu era moi novo, estaba estudando na universidade, e coñecín a Policía da man de meu irmán, que aínda que é máis novo ca min, empezou a preparar a oposición antes. Para min é vocacional, gústame o meu traballo e non me supón ningún esforzo vir traballar e adicarlle moitas horas porque é algo que me apasiona.

 

Como definiría a súa traxectoria?
Na miña carreira tiven sorte. Evidentemente neste Corpo hai que estar no momento e no lugar, e tamén hai que ter a formación. Eu tiven a fortuna na miña vida de estar sempre no momento e no lugar axeitados. Evidentemente tiven competidores, pero polos motivos que fosen, sempre lles gañei.

 

E para vostede, cales son as claves de ser un bo policía?
Servizo, o fundamental é o servizo. Esa é a idea que temos que ter clara desde o principio: que temos que estar para dar un servizo aos cidadáns. Sempre hai que tratar de obxectivizar e ter criterios homoxéneos, pois non podemos resolver un asunto dunha maneira hoxe e mañán tratar un feito similar de forma diferente. Entón, é imprescindible falar coa xente e escoitala, e mesmo as veces aguantar o seu enfado. Tamén é importante a formación, saber en que estamos traballando e o respecto ao cidadán.

José Manuel Duarte: “A idea que temos que ter clara desde o principio: que temos que estar para dar un servizo aos cidadáns”

Te puede interesar