Pepe Bernárdez | “Hai familias que aparcan aos maiores nas residencias e olvídanse deles”

Asociación Vellez Digna. Este colectivo de ámbito galego, creado no 2018, foi dos máis combativos durante a Covid coa xestión de residencias como a de Domus Vi en Ribadumia, para a cal solicitaron incluso o seu peche polo alto número de contaxios de maiores. A pandemia pasou, pero non así o “maltrato” que denuncian nestes centros

Pepe Bernárdez preside Vellez Digna, unha asociación formada a raíz de coñecer de primeira man o trato que reciben os maiores en moitas residencias. Láiase da inacción das institucións e dos políticos ante as súas denuncias, pero pese a todo, asegura, “non hai loita que non valga, o que non vale é estarse quieto”.

 

Por que decidiron formar Vellez Digna?
Foi a raíz de que meu pai e miña sogra entraran nunha residencia cando empezamos a coñecer este mundo e foi un impacto ver a cantidade de neglixencias, de abandono, de maltrato que vimos alí. Non me refiro a pegar. Para min é maltrato ter unha persoa 8 horas mirando para o teito, non levalos ó baño cando necesitan ou non coidar a súa hixiene. Empezamos a movernos, chamar a inspección, pero todo caía en saco roto. E vimos a necesidade de asociarse. Os familiares que visitan as residencias con frecuencia coñecen isto. O problema está na cantidade de familias que non os visitan, aparcan alí ó maior e olvídanse del. Por iso no 2018 creamos a asociación.

 

E a partir de creala, que pasou?
Adicámonos a plantexar moitas reclamacións ó longo de toda Galicia e asesorar e axudar a quen nos chama. Desde a Consellería de Sanidade, ningún caso se nos fixo. De Política Social e inspección, tampouco. Denunciamos ante o xulgado e sentímonos defraudados coa xustiza. É alucinante que coa cantidade de mortos que houbo coa Covid, que foron en residencias moi concretas, a xustiza se negara a investigar nada diso. Unicamente en Madrid, onde hai asociacións moi fortes. Denunciamos ante o valedor do pobo pero nada fixo... E reunímonos con todos os sindicatos. Destacamos o Sindicato Labrego Galego, que se comprometeu moitísimo nesta causa. Tamén nos reunimos con partidos políticos. Moi ben con Anova, co BNG, co PSOE. E moi mal co PP, que nos trataron de enganar. Tamén quero mencionar a MODEPEN, movemento de pensionistas, e TREGA, de traballadoras de residencias galegas, que estiveron con nós dende o principio.

 

É parte do problema que o que lles pase ás persoas maiores parece que non importa? Fáiselles caso se elas din o que lles fan? 
En parte hai un idadismo. Antes unha persoa maior era valorada. Era o veterán da casa, o que máis sabía, a quen lle pedías consello. Agora pasou a ser case un estorbo. É certo que a idade alongouse, hai uns deterioros que antes non había e xa non se vive naqueles núcleos familiares. Hoxe en día atender unha persoa maior implica non poder traballar. Logo, penso que hai moitos familiares que están dispostos a crer o que lle contan na residencia máis que  que lle conta o seu familiar.

Vellez digna
Imaxe dunha das protestas que o colectivo fixo nos últimos anos | CEDIDA

 

Por riba, non hai prazas nas residencias públicas e as privadas son miles de euros os que cobran. Onde van eses cartos?
Ó bolsillo. Por iso nós defendemos un modelo 100% público. Non se pode deixar isto en mans privadas porque entón os maiores pasan a ser unha mercadoría. E non dubidan en facer recortes en alimentación, coidadores... E é un negocio que, curiosamente, canto peor o fas, máis cartos gañas. Meu pai cando entrou na residencia podía andar pola man. Tivérono sentado constantemente ata que perdeu a capacidade de andar. Entón véñenche dicir que agora necesita máis coidados e cóbranche máis. Pagas miles de euros e gastan menos de 5 euros ó día por persoa en comida. O persoal é do peor pagado que hai e as residencias van camiño de converterse nun sumidoiro laboral onde só vai a xente desesperada. É un dos sectores con máis baixas.

 

Canta xente atenden en Arousa?
Desta zona igual recibimos seis ou sete chamadas nestes anos. Tamén é certo que en Domus Vi Ribadumia creouse unha asociación de familiares e non sei como está funcionando.

 

E canta xente teñen asociada?
Non temos socios propiamente ditos. O proceso de constituir a asociación foi peliagudo. Cando reformabas unha cousa mandábanche reformar outra... Méteste nunha burocracia que se estás atendendo a iso, non combates esta xentuza. Entón, facemos unha reunión ó ano e non temos socios, porque non iamos estar cobrándolles para pagarlles ós bancos. Xente coa que contactamos nestes anos... máis de cen persoas, que podería ser o número de socios que tivesemos.

 

Que podemos dicirlle a quen teña o seu maior nunha residencia?
Eu dígolle á xente que vaia á residencia polo menos dúas veces por semana e comprobe in situ como está o seu familiar, que pidan ver as habitacións, que se queixen e que escriban reclamacións. Eles presumen de non ter reclamacións, pero non teñen porque para facer unha ás veces tes que ameazar coa Garda Civil. Intentan convencerche pero non hai que deixar que te mareen, non hai que terlles pena.

 

Que é para vostede unha vellez digna?
Onde se respecten os meus dereitos e onde eu poida estar medianamente atendido, seguir tendo o meu proxecto de vida, sentirme útil e con cariño arredor, non  un obxecto que zapatean nun sofá,, porque iso é indigno.

Pepe Bernárdez | “Hai familias que aparcan aos maiores nas residencias e olvídanse deles”

Te puede interesar