4 meses fronte a 4 anos

Es meses de xaneiro dos anos de eleccións municipais son un entorno fabuloso para a observación dunha conduta tan humana como errática. Un pode abrir o diario e todos os días atopará eléctricos activistas das protestas que nunca fixeran e xuntanzas con colectivos aos que non escoitaron en 4 anos. Iso si, agora que faltan 4 meses para as eleccións entran as presas.


Se a práctica da política ten a veces moitas reticencias por parte dos cidadáns será por cousas así, tan pouco espontáneas como a vertixinosa sucesión de notas de prensa queixándose un día dunha luz, outro dun bache e no terceiro de que todo mal. Hoxe critícase que o centro está moi abandonado e ao día seguinte que se o centro da cidade tivo todo pero o rural moi mal. E na semana seguinte, volta a empezar.


Son máis sensatos os cidadáns que observan, e que comproban como entran as presas naqueles que pasaron 4 anos desaparecidos. Porque non se resolve en 4 meses o que leva tanto tempo sen activarse. Aparecen os perfiles de redes sociais, ou de repente publícanse máis tuits ao día que seguidores ten cada quen. Proliferan os enfervorizados acólitos, que acompañan nas visitas a colectivos para conseguir fotos nas que alguén, aínda polo menos, saca unha libreta e un bolígrafo para parecer que toma notas.


Para chafar un pouco o asunto cabe lembrar que, aínda que nos últimos anos a política volveuse máis volátil e variable, e iso fai que as campañas sexan algo máis relevantes, a inmensa maioría da cidadanía decide o seu voto (ou o seu “non voto”) antes deste período. É unha conclusión de moito tempo observando e das experiencias que un vai tendo cando de verdade necesita solucións, e non cando llas queren vender a marchas forzadas. Pouca terra queda para arar.


Sinceiramente creo que moito mellor que sexa así. Diso trata a cuestión, de avaliar o que cada quen fai e o que un pode confiar en que fará. E resulta difícil confiar en alguén que pretende aparentar traballo a toda velocidade en 4 meses cando non o fixo en 4 anos. 

4 meses fronte a 4 anos

Te puede interesar