Audiovisual e igualdade lingüística

hega a hora da verdade no Congreso das e dos Deputados que teñen sobre a mesa a tarefa relacionada co debate e aprobación do Proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. É momento de ver se a devandita lei recoñece a “pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda” que foi demandada polo Parlamento de Galiza nun acordo tomado por unanimidade ao aprobar a coñecida por Iniciativa Popular Xabarín, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e avalada por moitas máis de trinta milleiros de firmas para conquistar un aumento da presenza do galego, e por extensión solidaria tamén das outras linguas minorizadas, cooficiais no ámbito territorial español, sabendo da importancia fundamental que representan estas canles de comunicación para garantir o futuro dos idiomas.



Mágoa é que, lonxe disto, o proxecto de lei aprobado polo actual goberno estatal non recoñece na práctica a diversidade cultural e lingüística e non establece condicións mínimas de equidade para todas a linguas que conviven formalmente na xeografía de aplicación da lei. Máis aínda, fica sen concreción ou limítase a recoller o mínimos aos que está obrigado, ou nin iso, xa que non cumpre sequera co sinalado pola directiva europea en relación á Convención da UNESCO de diversidade cultural que non pasa dunha mención de maquillaxe sen fondo. Certo é que no formal permite a incorporación do galego, éuscaro e catalán ao catálogo, mais só obriga á presenza do castelán, deixando ás demais nunha cota común a partillar tamén co idioma español. Faltaría máis, claro.



Resultando ser “da máxima relevancia para o futuro da lingua galega”, e das outras cooficiais, as entidades culturais máis relevantes e impulsoras da normalización lingüística nos distintos territorios afectados veñen mobilizándose nunha acción común fronte á inxusta discriminación contemplada nunha lei que vén obrigada pola transposición da directiva europea sobre a materia que se aprobou en 2018 e que contempla, como novidade, a posibilidade dos estados membros de incluír obrigacións de financiamento anticipado polas plataformas situadas no estranxeiro; iso si, respectando a Convención de promoción da diversidade cultural e lingüística. Este grupo de organizacións do voluntariado lingüístico, en lícita presión política, puxeron sobre a mesa os eixos sobre os cales debe pivotar a nova lei para garantir o dereitos de toda a cidadanía, respectando a súa lingua de opción. Así, presentaron unha declaración con sete reivindicacións. Ademais de cotas de dobraxe e lexendaxe, que haxa produción anual obrigatoria de series e películas no noso idioma, sancionar casos de incumprimento e computar cotas por horas e non por títulos a efectos de impulsar non só as películas senón tamén as series en linguas minorizadas. É imprescindible.




Audiovisual e igualdade lingüística

Te puede interesar