A política é unha cuestión de prioridades, na política compre decidir sempre sobre o principal e o secundario. Este principio tan claro non sempre é ben interpretado polos popes da política patria. Así alguén quere tomar a cidadanía galega por parva: di Feijóo que dimite como presidente do PPdG porque é incompatible con dirixir o PP estatal. Pero non dimite de presidente da Xunta porque parece que si é compatible dirixir Galicia e dirixir o PP.
Feijóo tómanos por parvos, igual que cando so recordaba que había neve ou cando dicía descoñecer as actividades delictivas dos seus amigos. Isto só se pode facer cando gobernar Galicia para ti é algo menor, un paso cara outro obxectivo. Só se pode actuar así cando os moitos anos de presidente sepárante da realidade da xente, da realidade de Galicia. Todo isto lévame a trasladar dúas cuestións: non é bo gobernar un país, nin un concello demasiados anos, porque as inercias levan a inacción, ou ao sentimento de propiedade. Como non vai gobernar Feijóo Galicia, mesmo vía telefónica, se cre que lle pertence.
Cando se fan varias cousas a vez, algunha queda sen atender. Feijóo xa deixou claro que prefire desatender Galicia. O mesmo é mellor para nos. Marchará o fillo pródigo do PP a Madrid e, a pesar do que din os medios mesetarios, deixará atrás décadas negras para Galicia: non converxe en emprego, en salarios, en pensións, co Estado. Galicia está peor e Feijóo foi o campión das políticas austericidas que deixaron a educación pública e a sanidade xusto onde están, abandonadas e sobrevivindo grazas aos seus profesionais.
Pero hoxe falamos do insulto de Feijoo as galegas e galegos, Non estaría mal recordarlle a algún alcalde que non se poden facer dúas cousas á vez. Non se pode ser alcalde e presidir a FEGAMP e facer as dúas cousas ben a vez. É máis fácil neste caso que non faga ben ningunha…