Confundir a institución co partido

O grupo de goberno local, ensimesmado na súa maioría absoluta, leva demasiados meses confundindo a institución co partido, utilizando os recursos públicos, polo tanto de todas e todos, de forma partidaria. Así, as viaxes lindan o insitucional co partidista, pero sobre todo os actos do goberno de Vilagarcía se transforman en actos do PSdeG.


Non se entende que as recepcións do concello a deportistas, outras institucións, empresas, persoeiros sexan realizadas única e exclusivamente polo goberno local, e en moitos casos con responsables ou membros do PSdeG noutras intitucións. Cando o concello recibe a un club ou a unha deportista, a cortesía, o lóxico, o institucional, mesmo o normal é convidar ao conxunto da corporación. Isto en Vilagarcía non é así porque o goberno non quere. En Vilagarcía xa non hai nada normal. As maiorías cegadoras fan que se confundan as cousas.


A foto do paseo marítimo do mércores é sintomática. Un pseudo acto de inauguración porque non se atreven a facer unha inauguración, porque o resultado da obra é unha chapuza. Unha obra que convive con edificios abandonados polo concello (Balneario) e parques clausurados por perigosos. A foto era do goberno ou do PSdeG?, como é posible que apareza un senador, o señor Pose, e ninguén de ningún outro grupo político do concello, ou do senado?


Cando a expresión pública institucional é confundir o goberno co partido, de maneira que o partido absorbe toda a acción do goberno, pode que suceda o mesmo cos cartos e alguén confunda o diñeiro de todos cos diñeiros duns poucos e igual nos sorprendemos con utilizacións partidistas impropias. Todo o mundo debería estar atento a esta confusión interesada que, en realidade, é unha apropiación. Seguiremos informando desde a barreira porque aínda falta o primeiro convite do goberno a calquera acto para que participen todos os representantes de toda a cidadanía.

Confundir a institución co partido

Te puede interesar