O galego na radio británica

Días atrás, Plácido Castro viu recoñecida por segunda vez a súa herdanza pedagóxica a favor da mocidade estudantil de Vilagarcía, nesta ocasión coa simbólica descuberta dunha placa que leva o seu nome colocada na fachada do antigo Instituto Laboral, predecesor histórico do actual Castro Alobre que, acorde á necesidade dos tempos actuais e aínda nin iso de xeito suficiente, agora ocupa outro conxunto de edificacións á beira do antedito. Moito antes, por resultar de xustiza na memoria histórica do mérito deste intelectual e activista do galeguismo republicano, no outono de 2009 inaugurouse unha rúa municipal na súa honra que, consensuada coa familia residente aquí entre nós, foi escollida no entorno do restaurante Plácido, así rotulado tamén no seu recordo.

Agora, indirectamente, chega outro recoñecemento á súa pegada histórica en favor da cultura e do idioma das e dos galegos. Vén de publicarse, coa opción de lectura e mesmo descarga gratuíta na rede de internet, un libro conmemorativo do 75 aniversario das emisións en galego da BBC naquel espazo radiofónico denominado “Galician Programme” emitido desde a central deste medio en Londres, entre o 14 de abril de 1947 e o 23 de xaneiro de 1956 de xeito semanal; e dicir en oitenta e tres ocasións ata que, dada a súa dependencia do Ministerio de Asuntos Exteriores británico, polas presións recibidas e indicacións do seu embaixador en Madrid, foi clausurado.

Para iso, mesmo fixeron circular unha historia de dubidosa credibilidade. Segundo ela: Franco estaba un fin de semana de pesca no Azor, e movendo o dial da radio, colleu a BBC nun dos idiomas periféricos ao castelán, hoxe en día cooficiais. O descubrimento enfadouno moito e comentou o tema, furioso, na reunión do consello de ministros do venres seguinte. Puidera ser. O certo e indiscutíbel é que a creación do programa e a súa supresión foron decisións políticas.

Verdade é que foi o expatriado Alexandre M. Raimúndez o locutor e redactor quen asumiu, sempre, a dirección do programa no que participaron un gran número de colaboradores desde Galiza, principalmente con contidos culturais. A nómina é moi extensa, totalizan arredor de 120 colaboracións feitas por unha trintena de persoas que pasaban a integrar o guión dunha programación que comezaba cunha peza musical a ritmo de marcha das gaitas escocesas.

Plácido Castro, persoa da primeira liña de dirección política no Partido Galeguista foi vítima do franquismo que o someteu a un exilio interior do que se libra escapando á capital británica, en 1949 para ficar alí ata 1954 ao retornar aos país como profesor de inglés en Vilagarcía. Na BBC pasa a ser o colaborador principal deste programa en galego con dezaseis intervencións de marca propia, en temas de saudade e historia, traducións de poesía inglesa e crítica de libros novos. Mágoa que a tecnoloxía daquel tempo non deixara gravación sonora. Quedan os guións en papel.


O galego na radio británica

Te puede interesar