Que importante é ter memoria

Gonzalo Durán aínda lle debe aos clubs deportivos da Arousa e ás asociacións culturais as axudas e subvencións da última anualidade que formamos parte do concello de Vilanova, ano 1996.

 

Todo isto coa inestimable axuda do tenente de alcalde e resto do Partido Popular da Arousa que axudou a que Durán acadase a alcaldía.

 

Dedicouse Durán a saquear os escasos bens municipais que había na Arousa antes da segregación. Dicía "les vamos a sacar hasta la última silla"

 

Apagou as luces da ponte do lado de Vilanova nada máis chegar e nunca máis as acendeu.

 

Na negociación do reparto de bens para a constitución do Concello da Arousa mentía e ocultaba bens municipais para non repartir, como o tractor municipal, a maquina limpadora das praias, máquinas de obras, etc, etc...

 

Máis dun terzo do pavillón de deportes de Vilanova pagouno a Arousa. E do resto de infraestruturas igual. Para información dalgunha candidata, que non ten porque saber estas cousas, pero como non llas contan os seus compañeiros, contámosllas nós.

 

E agora o partido indePePendente da Arousa que perdeu as siglas, trae a Durán á Arousa a dicir que o Concello da Arousa foi un erro, e que el tiña grandes ideas para a Arousa. E o PP da Arousa aplaudindo coas orellas. Perderon as siglas e a súa proposta é que Durán goberne a Arousa.

 

Pois desculpen, pero a Arousa ten un concello de seu para gobernarnos nós, como así o quixo a práctica unanimidade da veciñanza da Arousa. E non necesitamos que nos goberne ninguén, xa nos gobernamos nós, NÓS SÓS!

 

O PP na Xunta, daquela, aprobou un decreto de segregación que discriminaba a Arousa. Facía un reparto da débeda valorando exclusivamente a poboación e a riqueza de cada territorio, cargando ao Concello da Arousa cunha débeda maior da que nos correspondía.

 

Este decreto recorreuse, e ganouse a demanda por parte do Concello da Arousa. Houbo que andar con moito coidado, porque nos xogabamos quedar sin Concello.

 

O Concello da Arousa ganou o preito, e a Xunta viuse obrigada a elaborar unhas normas de reparto da débeda máis xustas, onde ademais da poboación e riqueza de cada territorio, se valorase o patrimonio municipal que quedaba en cada parte, e compensar as desigualdades patrimoniais de cada concello. Na Arousa non había nada. Aínda hoxe un dos problemas que temos é a falla de bens e terreos municipais.

 

Con todo, foron case 400 millóns de pesetas que tivo que pagar a Arousa de débeda do Concello de Vilanova nada máis independizarnos. Por exemplo máis dun terzo da adquisición da Casa de O Cuadrante, onde nacera Valle Inclán, que se adquiriu pouco antes da segregación.
A memoria!

 

Que importante é ter memoria

Te puede interesar