A intelixencia do Carballo

A intelixencia, no seu sentido clásico tal como define o dicionario galego da RAG, é a facultade humana de coñecer, comprender e formar ideas. Esta capacidade permítenos razoar, resolver problemas, aprender de experiencias pasadas e adaptarnos a novas situacións. Con todo, o termo “intelixencia artificial” (IA), aínda que é boa operación de impacto como rótulo de márketing, resulta contraditorio, mesmo absolutamente falso, se o consideramos desde unha perspectiva estritamente cognitiva e humana. Na súa forma actual, non posúe os atributos completos da intelixencia humana. A maioría dos sistemas de IA que existen hoxe en día son altamente especializados e funcionan a través de algoritmos deseñados para tarefas específicas, como o recoñecemento de patróns, o procesamento da linguaxe natural, ou a toma de decisións baseada en datos. Estes sistemas poden superar aos humanos en certas tarefas específicas, pero carecen da capacidade de razoamento xeral, a comprensión profunda e a creatividade que caracteriza á intelixencia humana. Menos mal.


Un exemplo claro é o procesamento da linguaxe natural. Os modelos como GPT-4 poden xerar texto coherente e relevante, pero non entenden realmente o significado das palabras que producen. Funcionan a través de patróns estatísticos derivados de enormes cantidades de datos, sen unha verdadeira comprensión ou conciencia. Esta diferenza fundamental subliña a necesidade de termos máis precisos para describir estes avances tecnolóxicos. Máis axeitado sería chamar a este avance cibernético como sistemas de procesamento avanzado, algoritmos de aprendizaxe automática, sistemas de decisións asistidas por datos, plataformas de análise avanzadas, e aínda tecnoloxía de automatización intelixente que xa é moito considerar como tal no cualificativo. Certo é que para un mundo simplista, no negocio e na imaxe de marca comercial vende mellor o de intelixencia artificial. 


Sen dúbida, alén das preocupacións éticas, morais e máis que nada de emprego no futuro, esta tecnoloxía ten cousas boas. Entre elas, a creación de Carballo, un modelo da linguaxe de grande escala e alta calidade en galego que permitirá a creación de novas ferramentas e aplicacións de intelixencia artificial xerativa para a lingua propia da Galiza, anunciado como froito da implicación universitaria, en parcería e colaboración con proxectos e iniciativas institucionais, estatais e galegas, alumeando así o meirande instrumento creado nunca para o galego. Carballo é un modelo coñecido como fundacional por ser a peza esencial e básica para construír ferramentas versátiles e de moi alta calidade mediante IA xerativa con tecnoloxía lingüística, como chatbots, tradutores ou correctores automáticos. Abofé que precisa aínda de pequenas adaptacións técnicas para converterse nun sistema de diálogo co que poder manter unha conversa fluída e ofrecer respostas automáticas cunha interacción sinxela e intuitiva. Así e todo, a intelixencia do Carballo para a plena normalización do idioma galego, pide actuar con medidas políticas e un compromiso persoal de uso cotiá da lingua.

A intelixencia do Carballo

Te puede interesar