Marco laboral de seu

Van alá cincuenta anos, medio século xa, do criminoso suceso porén continúa vivo na memoria social colectiva e aínda máis na vontade xuramentada de non esquecer nunca máis. Velaí, a clase traballadora galega ten unha data propia marcada a ferro, escrita coa súa sangue no calendario. É o dez de marzo, memoria da represión que provocou en inverno, no Ferrol de 1972, a homicida morte de Amador e Daniel, convertidos de vez en mártires cívicos e símbolo da causa que cada ano chama á mobilización e á lembranza, conmemorada como Día da Clase Obreira Galega.

No actuar e periódico recordo de gratitude, nesta singular efeméride do cincuentenario, non se pode esquecer ao resto dos traballadores feridos, despedidos, multados, procesados ou encadeados por decisión daquel infame Tribunal de Orde Pública. É débeda de gratitude coa mirada cara atrás para todas as vítimas dos conflitos que forxaron o movemento sindical galego e para ás traballadoras e traballadores que soportaron aldraxe e persecución en diverso grado en toda esta longa etapa que suma máis de corenta anos de políticas contrarias ao interese de clase e ás pequenas conquistas acadadas, conflito a conflito, nunha dinámica parella ao progresivo desmantelamento industrial do país do que é metáfora o espello que permite ollar a comparación das cifras de ocupación laboral nos estaleiros, antes e na actualidade. Do día á noite máis escura.

Historia contemporánea do movemento obreiro galego dunha loita e solidariedade que comezou en Ferrol e continuou meses despois en Vigo, nun proceso de represión que acadou a máis grande agresividade vivida neste país. Forxa dun sindicalismo nacionalista de obediencia á causa da loita pola dignidade e pola liberdade, contra a precariedade e mellor condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva no ámbito galego. E dicir, por configurar un marco galego de relacións laborais que permita utilizar os instrumentos lícitos de presión e xestión á hora de acadar as mellores condicións posíbeis nos convenios de sector ou territoriais. O noso.

Memoria do avance, aos poucos en verdade, na conquista de dereitos laborais e sociais que nos derradeiros anos viraron na dirección para percorrer o comiño contrario coas reformas e recortes impulsados polos últimos gobernos de quenda, co pretexto dunha crise económica unicamente causada pola especulación financeira. Diante deste panorama é inaceptábel que o actual goberno central teña fuxido da súa responsabilidade en relación ao compromiso de abordar unha mudanza laboral que recupere dereitos furtados na contrarreforma anterior, limitándose só a medidas de maquillaxe e revisión legal de curto alcance porque iso é o que vén de aprobarse no Congreso das e dos Deputados, daquela maneira por certo, desprezando á maioría que lle dá soporte ao actual executivo estatal. Mágoa da oportunidade perdida. Ollando á pasada heroicidade do sindicalismo galego; sen dúbida, o sangue obreiro derramado está a ferver de carraxe. Cruel.


Marco laboral de seu

Te puede interesar