O municipalismo constrúe Galicia

Somos, os galegos e as galegas, un pobo digno de ser celebrado. Aqueles que habitamos e amamos Galicia conmemoramos o dereito a festexar non só unha terra, senón un particular xeito de estar e de ser dentro dela. Como todos os 25 de Xullo, honramos un pasado sen o cal é imposible explicar este Día de Galicia de 2024 e os que virán. Pero tamén é momento de analizar con orgullo o presente e mirar con optimismo o futuro. Da man, con cordialidade, xuntos. Como sempre fixemos.


Hai unha Galicia visible que namora. A Galicia orgullosa, esforzada, cumpridora, hospitalaria, tenaz e cómplice. A dos “bos e xenerosos”.  A comunidade económica, a cultural, a social e a dos servizos de primeira. A Galicia española e europea. A dos mil ríos e as Rías Baixas. O paraíso que atrae, con cada vez máis ímpeto, a millóns de persoas cada ano que queren visitar, e tamén vivir aquí con nós. Pero hai outra Galicia que tamén merece ser recoñecida. Maniféstase por un xeito igualmente particular de gobernarse e encarar todos e cada un dos desafíos que temos como colectivo: con unidade, serenidade e espírito de suma.


Certamente, Galicia constrúese desde dentro e desde fóra. Cos que vivimos no interior das súas fronteiras e cos que a levan consigo alá onde estean. Pero non é menos certo que tamén se constrúe desde a escala máis grande ata a máis modesta. Non é posible entender Galicia sen os seus milleiros de núcleos de poboación, e o seu particular asentamento da poboación no territorio.


Por esa razón, desde unha institución galega como a Deputación de Pontevedra, valoramos especialmente o poder do local e das súas Administracións para facer máis Galicia. Na tarefa de impulsar o progreso e benestar dos galegos todos temos unha misión, e enorgullece comprobar como desde os concellos da provincia se asume como propio –e con moito éxito, cabe salientar— ese camiño.  Igual que hai un galeguismo que cada 25-X vive un dos seus días grandes, hai un municipalismo que se une decididamente a el e co que comparte misión: responder ás necesidades de Galicia e facelo, neste caso, desde a proximidade, o coñecemento extenso do territorio, a atención permanente ao cidadán e a unión.


Ningún dos logros conquistados por Galicia nas últimas catro décadas de autogoberno pode explicarse sen o papel do local. Así que, do mesmo xeito, ningún dos retos que afronta no futuro poderán resolverse sen que a participación do municipalismo. Abonda unha ollada a calquera dos 61 concellos da provincia de Pontevedra para comprobalo. O impulso a unha Galicia dinámica económica e socialmente, moderna, atractiva e sustentable sempre encontra aliados nos concellos, e tamén, claro, nesta casa dos concellos que é a Deputación de Pontevedra. Retos como o demográfico, a dixitalización, a mellora das comunicacións ou a transición enerxética son asuntos que marcarán as vindeiras décadas, e nas que o municipalismo está destinado a tomar a palabra, non para confrontar ou exacerbar a diferenza, senón para actuar unidos.


Galicia é unha terra cuxos lindes están perfectamente delimitados. É unha idea de vida en común da que todos nos sentimos orgullosos, e é un ideal de futuro brillante no que, veñamos de onde veñamos, todos cabemos nel. Reivindiquémolo hoxe e todos os días. Desde a provincia de Pontevedra, feliz Día de Galicia.

 

 

(* Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra)

O municipalismo constrúe Galicia

Te puede interesar