Nestas datas acostumamos, algúns, a adicar un chisco de tempo a recuperar unha lembranza simbólica da conmemoración do Día da República. Probablemente moitos verán nisto unha nostalxia innecesaria ou incluso unha reivindicación descontextualizada. Nada máis lonxe diso, pois a reivindicación republicana non é unicamente un desexo dun novo modelo de xefatura do Estado, que tamén, senón unha outra visión de como convivir como país.
A conmemoración do Día da República ten para si unha reivindicación dun modelo social máis plural e participativo, fundamentado no coñecemento e no avance da ciencia e das artes, un modelo máis humano e que se base nunha concepción máis honesta do público e do colectivo. Ninguén debe asumir que estes valores son exclusivos dos republicanos, por suposto que non. Como tampouco debemos aceptar que os republicanos son soamente casposos esquerdistas perigosos. Precisamente, se algo é defendido dende os valores republicanos é a superación da dinámica partidista nos debates, a conciliación entre os discrepantes e a comprensión do distinto.
A República, como representación de valores, conmemora a chegada hai xa 91 anos dun novo sistema. Unha chegada con ilusión e polos votos democráticos, que foi destruído con odio e polas armas. Non hai tampouco recelo nin revisionismo de épocas recentes como a transición, na que é asumible que foi necesario ceder para gañar, máis ben ao contrario. Pero é imposible negar que este país necesita unha seguinte transición, unha nova volta de pedal que mellore e avance naquelo que non era posible meterse hai 40 anos. É tempo de todo eso e de superar os conflitos enquistados, recuperar a memoria digna e democrática e debater, como non, de se cremos necesario ter xefes de Estado que sexan unha vergoña histórica exiliada entre luxos árabes.
Estamos nesa etapa. Con urxencia ou con calma, cando sexa, pero estamos nese momento no que cabe recoñecer o camiñado pero mudar para recuperar os valores que socialmente debemos promover. Aí están as nosas reivindicacións republicanas, e aí estarán sempre.