A saúde mental na barra dun bar

Contaba a personaxe de Federico Luppi en Martín (Hache) que “o mellor psicoanalista é un barman”. A esta visión entre canallesca e bogartiana pódeselle discutir ata a linguaxe, pero en todo caso podería no quedar máis que nunha escena de película con algo de soberbia froito da interpretación. Para debates algo máis sesudos xa estaba aquel moi glorificado entrenador de fútbol que afirmou que “o psicólogo son eu” ou, en termos máis modernos, están as preciosas frases de tazas de almorzar ou de galletiña da sorte. Todos eles son grandes exemplos da estupidificación coa que comúnmente rodeamos á saúde mental sobre a que un tipo con aires de sabio díxome unha vez que “eu na psicoloxía non creo”, aínda que tamén díxome tempo despois que el non creía nos dinosaurios así que vaia vostede a saber en que deposita a súa fe este pobre home.


No seu libro A vella compañeira o periodista Anxo Lugilde narra de maneira descarnada e arrepiante (se cadra por ser precisamente realista) experiencias persoais de anos loitando contra unha depresión que lle causou estragos persoais. Coma el, decenas de persoeiros da vida pública, recoñecidos polas súas facetas profesionais e de impacto social, nos recentes tempos teñen feito un enorme traballo pola visibilización dos problemas de saúde mental e a súa traída ao mundo do real, do cotiá. Nun país onde ás persoas que “saían mal” (coma se houbese unha fábrica sen libro de reclamacións) hai non tanto tempo que se lles recluían en habitacións ao fondo da casa ou nos cortellos, como quen agocha un profundo segredo malvado, resulta esperanzador que exista xente como Lugilde, Andrés Iniesta, Ibai Llanos, J.K. Rowling, Quique Peinado, Simone Biles...que nos traducen ao noso día a día que a saúde mental está presente. Non é motivo de mofa, senón de axuda. Non é razón para agocharse, senón para pedir axuda. Non serven so as gañas, porque non é certo que “se queres, podes” e porque moitas veces nin sequera queres.


Apuntan os que saben que hai que falar do que nos pasa, que esta compañeira indesexada coa que algúns conviven non vai marchar con frases bonitas e que necesitamos atendernos. Ao igual que unha persoa coa perna rota non vai poñerse mellor por decirlle que se poña a camiñar. Precisamos non banalizar, e saber que a depresión, a esquizofrenia, o trastorno bipolar, a ciclotimia, a ausencia de ánimo, o trastorno obsesivo, a perda de interese, os niveis de estrés excesivo...son problemas de saúde e non froito dun mal día ou unha mala racha. Non somos culpables se sufrimos, non estamos obrigados a sufrir en silencio e a superalo sen axuda. E non, o mellor psicoanalista non é un barman que, por outra parte, bastante terá con aguantar a tanto listo como hai na barra do bar.

A saúde mental na barra dun bar

Te puede interesar