Vilaikea de Arousa

Din que co primeiro confinamento a moita xente déuselle por redecorar as casas para adaptalas ao feito de pasar máis tempo nelas. Persoalmente, comecei coa teima de quitar o papel das paredes e pintar todo de branco para gañar luz e facer do fogar un espazo máis diáfano. Decateime de que tendemos a decorar as nosas casas en base a modas e non pensando en facelas espazos habitables. Como esas casas familiares nas que os estantes se enchen con figuriñas innecesarias que o único que fan é acumular po. Na nosa vila, co espazo público parece estar a pasar algo parecido. Humanízanse rúas coa intención de gañalas para os peóns e logo énchense de elementos decorativos que dificultan o tránsito. O estético fronte ao funcional parece ser o modus operandi.

Das obras que nos deixa 2021, unha das que máis me sorprendeu foi esa imaxe da ringleira de cadeiras e tumbonas no paseo da praia de Canelas que parece querer evocar á primeira liña de praia dos hoteis “todo incluído” de República Dominicana. Hai que valorar o optimismo do Goberno Local ao pensar que habería espectadores para tal número de butacas. E non é que o espectáculo que nos ofrece o mar non o mereza, pero, nunha zona tan exposta a inclemencias varias?. Como usuaria do paseo, gustaríame que os esforzos se tiveran posto en facelo máis acolledor e funcional, porque, recoñezámolo, tanta cadeira non camufla o ton industrial que, por outro lado, contribúe a exaltar o formigón empregado para esta e tantas obras na recente etapa política da nosa cidade. Sen embargo, cando paseo por alí a miña sensación é a de que os elementos parecen escollidos como quen vai a Ikea a mercar o mobiliario do seu xardín. Os materiais, as pedriñas dos maceteiros- que non hai que ser moi astuto para prever que nuns días estarían espalladas polos carrís- esas escuálidas oliveiras. Incluso a montaxe parece básica de manual de instrucións: Soldaduras ao chou e varanda rota aos poucos días. Por non entrar nas dimensións dos distintos carrís.

O remate de cada obra en Vilaikea de Arousa faime pensar en cando o meu pai revisaba as obras da casa cos albaneis e se poñía tan pesado que ao día seguinte algúns non regresaban. Que xa sabemos que en cada “pater familias” galego haiche un contratista e a min ocórreseme mandarlles ao meu aos do concello para que supervise antes de sacar a foto. Porque iso sería algo a pedirlle no 2022 a este Goberno Local, que as obras en Vilagarcía se pensen máis para o uso e menos para a foto inaugural. Aínda que en ano preelectoral vai estar a cousa difícil.

Por poñerlle un dato positivo ao 2021 que remata, na miña opinión a decisión estética máis acertada do concello foi a nova cor da fachada consistorial. Branca. Os clásicos sempre triunfan.



Voceira de Podemos- Galicia e membro de Podemos- Galicia

Vilaikea de Arousa

Te puede interesar