Beni Ferreiro: “O bo de Igloo é que funcionamos como unha única cabeza pensante e temos claro a donde ir”

Beni Ferreiro: “O bo de Igloo é que funcionamos como unha única cabeza pensante e temos claro a donde ir”
A banda caldense Igloo sacará en febreiro o seu novo e séptimo disco | cedida

Vocalista de Igloo


Levan case dúas décadas sobre os escenarios e aínda queda moito da esencia daqueles mozos que se xuntaron hai xa 18 anos para formar Igloo. Esencia e, sobre todo, ganas de seguir creando. A formación caldense sacará ao mercado a principios do próximo ano o seu sétimo disco do que xa se pode escoitar o seu primeiro single, “Aniversario”. O vocalista e cabeza visible de Igloo, Beni Ferreiro, fala de como eran, como son e do seu futuro inmediato.


Cumprides 18 anos, que se di pronto... Pensaba Igloo nos seus inicios que chegaría tan lonxe?

Non, claro que non. Eu penso que as bandas nunca nos facemos unha idea do longo percorrido que podemos chegar a ter. O importante é intentar rodar, chegar a un disco sempre que haxa fondo económico e creatividade nas cancións e, sobre todo, estar a gusto. Nós a estas alturas xa somos como un matrimonio.


Que hai daquel Igloo de hai 18 anos?

Todas as formacións sufrimos cambios. Hai uns días escoitaba unha entrevista que se lle facía ao grupo Viva Suecia e sentíame moi identificado. Dicía que agora escoitamos cousas totalmente diferentes das de cando empezamos e iso é normal. É normal que te vaias adaptando aos novos tempos aínda coa intención de seguir mantendo a esencia.


Acaba de saír o primeiro single do voso séptimo álbum... Que poden esperar os que vos coñecen –e tamén os que aínda non– deste novo traballo musical?

É un álbum diferente partindo da base de que as cancións se empezaron a facer durante a pandemia. Con ela abriuse un horizonte distinto. Cadaún estaba na súa casa, iamos facendo os temas e mandándoos por internet. Foi entón cando Juanma Latorre, de Vetusta Morla, nos pediu a primeira demo. Realmente todo empezou na distancia obrigada. Iso si, tiñamos unha constante comunicación uns cos outros e nesa pandemia tamén nos serviu como motivación. Tras o confinamento abrimos a porta tanto literal como simbólica e coas ganas de gravar máis fortes ca nunca.


Pódese dicir que este vai ser o disco máis maduro de Igloo?

A maduración vén un pouco dada polos anos da propia banda e tamén polos que nos van pasando por encima aos compoñentes. O bo que tivo sempre Igloo é que levamos xa uns anos xuntos e funcionamos como unha única cabeza pensante e temos claro hacia donde queremos orientarnos.


Falabas antes da pandemia. Trouxo cousas que para un grupo supoño que non eran fáciles como actuar en directo coa xente sentada ou coas máscaras...

O certo é que aínda que había formacións que dicían o contrario a nós gustábanos ter ao público sentado porque analizaba moito máis o concerto e iso tamén nos obrigaba a estar máis concentrados. Evidentemente o de volver a estar de pé tamén o vivimos estupendamente. Aquelo foi como unha inxección de enerxía para volver a ser conscientes de que estamos facendo algo que nos gusta. Volver a pisar un escenario, pasalo ben e contaxiarte dos que o están disfrutando.


Igloo pisou grandes festivais como o Sonorama, o Primavera Sound, o Portamérica. Queda algún escenario que en especial vos faga ilusión?

Os grandes festivais teñen como moito nome e tamén che dan proxección, iso é certo. Aínda así cando tocas nunha sala pequena, aínda que só sexa para a metade do aforo e ves que a xente o está pasando ben disfrútalo moitísimo. Tes moita máis flexibilidade no tema do tempo e penso que a verdadeira esencia dun grupo se percibe nun concerto nunha sala.


Novo single. Para cando o disco completo?

Primeiro iremos adiantando dous ou tres singles antes de sacar o disco, que sairá en febreiro de 2023. A xente levaba moito tempo sen escoitar un tema novo de Igllo e estamos disfrutando e saboreando ese momento. É como cando metes o pé na auga despois dun tempo para ver esa sensación. O segundo adianto será en novembro e o terceiro xusto antes do disco.


Prazos longos para unha época movida polas redes sociais na que os temas parece que “caducan”...

Precisamente por iso. Cremos que hai que estirar un pouco o álbum porque é un proceso longuísimo. Dosificalo para ir abrindo boca, para crear “hype” como se di tanto hoxe en día.

Beni Ferreiro: “O bo de Igloo é que funcionamos como unha única cabeza pensante e temos claro a donde ir”

Te puede interesar