A xente maior de Catoira será parte fundamental do espectáculo teatral “As devoracións”. Catro dramaturgas galegas investigarán ata o día 28 no municipio viquingo como evolucionou o coñecemento da veciñanza sobre as colleitas e os cultivos para poder alimentarse. Os testemuños recolleranse entre as persoas que participan nas actividades de envellecemento activo que se desenvolven no Cemuma e nas parroquias de Abalo, Dimo e Oeste.
O proxecto conta coa colaboración do Concello de Catoira que, a través da área de Cultura dirixida por Raúl Gómez, vai posibilitar a residencia artística facilitando o contacto das autoras coa veciñanza e tamén cedendo o Auditorio Municipal para realizar entrevistas e gravacións audiovisuais. O concelleiro sinala que “dende o Concello queremos implicarnos e promover actividades culturais. Participar na orixe dunha obra de teatro de autoras galegas que recolle a memoria das e dos nosos maiores parécenos unha boa oportunidade”. As catro dramaturgas serán Loaira Lázare, Miguel Cavadas, María Espasandín e Areta Bolato. Recollerán tradición oral arredor do léxico sobre alimentación, colleitas, cultivos, receitas coplas e todo o material que máis tarde poida ser incluído no texto da peza de teatro.