Que Caldas é terreo de campás é algo que quedou claro coa actividade organizada conxuntamente pola asociación Terra Calda e a Asociación Galega de Campaneiros. A igrexa de San Tomé e o entorno das Palmeiras acolleron a derradeira actividade de tres xornadas dedicadas a pór en valor o toque manual, declarado Patrimonio Inmaterial da Humanidade no ano 2022.
Este entorno acolleu un obradoiro no que os asistentes aprenderon como “repicar” as campás da torre do templo parroquial, así como a distinguir os sons emitidos por estes instrumentos vencellados tradicionalmente á relixión dende hai séculos. Foi o presidente de Terra Calda, Francisco Froján, o encargado de explicar unha tradición que ten na vila termal o seu máximo expoñente. E é que precisamente nunha parroquia caldense, en Arcos da Condesa, donde se atopa o único fundidor artesanal de campás de toda Galicia, na familia Ocampo. “Levan case 400 anos facéndoo”, explicaron dende a asociación.
Froján botou man de memoria persoal e da literatura para falar dos diferentes toques de campás, algúns deles xa perdidos. “Lembro o chamado toque de gloria, que era cando morría un neno ou o toque de ánimas que se facía ao anoitecer”, explicaron dende Terra Calda. Tamén –precisamente– o toque “ao arrebato para situacións de emerxencia como os incendios, e que aínda se mantén en algunhas zonas do rural”.
Neste punto Froján fixo referencia a que, por exemplo, nos simulacros periódicos que se fan sobre o encoro da Baxe “as sirenas non se escoitan en todo o pobo, mentres que as campás si o fan”. Neste sentido Terra Calda reivindicou “que se poñan dacordo as autoridades civís e relixiosas para poder recuperar e establecer os toques de campás para situación de emerxencia, cun sinal final para indicar se é un incendio forestal, un problema co encoro ou o incendio nunha fábrica, entre outros”.
Foi un membro da Asociación Galega de Campaneiros o que explicou os repiques propios das celebracións e o que convidou a todos os presentes a subir ao propio campanario da gran igrexa de San Tomé para probar a ser un campaneiro por un momento. Así o fixeron varias das persoas que se achegaron a unha iniciativa que tivo dous días máis de actividades, cunha exposición o venres sobre os distintos toques manuais que existan para as campás e cunha conferencia e proxección sobre a fundición das campás en Arcos o sábado.
O obradoiro organizado polas dúas asociacións culturais – en colaboración co Concello de Caldas– tivo un elemento extra nese mesmo entorno das Palmeiras. Dúas “food truck” da campaña da Consellería do Mar “Galicia sabe a mar” instaláronse a pé de igrexa para ofrecer pequenos petiscos a todos aqueles que se achegaron ata o lugar. E non foron precisamente poucos.