O ciclo “A lonxa do ritmo” desembarca na Peixería cunha simbólica homenaxe a García Lorca

O ciclo “A lonxa do ritmo” desembarca na Peixería cunha simbólica homenaxe  a García Lorca
O ciclo de música urbana foi presentado onte | gonzalo salgado

Desta vai. O ciclo de música urbanaA lonxa do ritmo” desembarcará por primeira vez na Praza da Peixería o día 12 de marzo. A sexta ola do coronavirus obrigou a aprazar o concerto previsto para o pasado 28 de decembro, pero o ritmo parece que agora xa non vai parar. A concelleira de Cultura, Sonia Outón, e os promotores da iniciativa presentaron onte un cartel moi completo no que se lle rende unha particular homenaxe ao poeta Federico García Lorca. “Hai 90 anos que Lorca estivo actuando en Vilagacía coa súa compañía ‘La Barraca’ e queríamos facerlle esta pequena referencia”, explicou André Sánchez dende Producións Peixe. Daí que sexa a fotografía da estatua que Lorca ten en Madrid a que ilustre a programación desta cita musical.


Os poetas urbáns da época actual pasarán por ese mesmo escenario coa intención -segundo Sonia Outón- de que “Vilagarcía se converta nun referente para este tipo de música que se escoita sobre todo entre a xente máis nova”.


A programación

Os primeiros concertos serán o día 12 de marzo a partir das oito e media da tarde cun cartel exclusivamente feminino, dada a proximidade do 8 de marzo, Día da Muller. As primeiras en actuar serán as compoñentes dun grupo referente no hardcore, “Las ninyas del corro” e de seguido será a quenda de “Machete en boca”. A sesión máis tardía correrá a conta de Teresa Ferreiro. Para esta primeira data a entrada ten un custe de 14 euros anticipada e de 18 euros en taquilla.


A segunda sesión está fixada para o 2 de abril coas actuacións de Love Yi, Tekilas, Iaghost e Sir Lamar co mesmo custe nas entradas que a cita anterior.


O ciclo continúa o 16 de abril cunha programación fundamentalmente local e apostando por artistas da zona como son Wyygga, Ann Trash, Huerita e os caldenses de Xiabre Ski Club. A entrada para esta sesión é de 10 euros anticipada e 14 en taquilla.


A última parada é o 14 de maio -moi próxima ao día das Letras Galegas- coa actuación dos grupos Rebeliom do Inframundo e Son da Rúa. A entrada ten aquí un custe de 15 euros anticipada e 19 en taquilla.


A organización sinalou que non busca un evento masificado, daí que (aparte de cumprirse todas as medidas covid) non se venderán máis de 550 pases en total por sesión. 

O ciclo “A lonxa do ritmo” desembarca na Peixería cunha simbólica homenaxe a García Lorca

Te puede interesar