Dakidarría, Guadi Galego, Xabier Díaz... estes son os concertos que darán este verán en Arousa

O programa +Música da Deputación leva a mellor música en galego aos concellos do Salnés e de Ulla-Umia. Ademais de The Rapants en Vilagarcía e Catoira e Treixadura en Cambados outras formacións como Dakidarría ou Milladoiro estarán por terras arousás
Dakidarría, Guadi Galego, Xabier Díaz... estes son os concertos que darán este verán en Arousa
Guadi Galego nunha actuación anterior no Festival Revenidas de Vilaxoán | G.S.

Todos e cadaún dos concellos da comarca do Salnés e de Ulla-Umia contarán este verán –alomenos e como mínimo– cunha actuación dunha formación galega. O programa +Música da Deputación de Pontevedra subvenciona un ano máis concertos espallados por toda a provincia e que traerán grupos de renome ás festas máis populares de cada localidade. Hai uns días Diario de Arousa desvelaba que os The Rapants estarán en Vilagarcía por Santa Rita e en Catoira pola Vikinga e que Treixadura será un dos concertos do Albariño en Cambados. Non son os únicos concertos xa programados. Os Dakidarría –outros dos grandes da escena musical galega– estarán no mes de xullo na Illa de Arousa e nas festas patronais de agosto en Caldas. Dúas paradas para poder gozar da súa música en directo. As únicas que terán nesta parte da Ría de Arousa.


Pola súa banda Guadi Galego actuará en Ribadumia –en xuño– e en Sanxenxo no mes de xullo.


A música de Roi Casal tamén poderá gozarse este ano na Ría de Arousa sendo el un artista que xa é da casa. De feito é o artista que actuará no Grove no mes de xullo. A única parada que, de momento, o artista catoirense ten oficializada para esta banda da Ría de Arousa. No caso de Meis a actuación que se subvencionará con cargo ao programa +Música será o da formación As Lembranzas, mentres que tanto Vilanova de Arousa como Cuntis apostan polo tradicional con senllas actuacións de Milladoiro.


En Meaño a aposta este ano é por Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, no mes de agosto, a mesma formación que tamén se poderá ver en directo en Pontecesures, a principios do mes de xullo.


En Moraña, coincidindo coas celebracións do Carneiro ao Espeto, a aposta local é por De Vacas, mentres que en Portas gozarán no mes de xuño do espectáculo Ilusiónate e en Valga a actuación de Quinkillada será no mes de xullo.


Todas as actuacións serán de carácter gratuíto e só neste programa o goberno provincial inviste case 700.000 euros para levar concertos a todos os concellos da provincia que así o solicitaron e que, en xeral, conseguiron a actuación que solicitaron de primeira. 

Dakidarría, Guadi Galego, Xabier Díaz... estes son os concertos que darán este verán en Arousa

Te puede interesar