Fran García: “Si que estaría disposto a ser pregoeiro da Auga, pero nunca mo pediron”

Fran García: “Si que estaría disposto a ser pregoeiro da Auga, pero nunca mo pediron”
Fran García interpretando a Freddie Mercury en A Baldosa o pasado martes | mónica ferreirós

A día de hoxe moi poucos poderían imaxinar a Festa da Auga sen a presenza de Fran García no papel de Freddie Mercury. Este veciño de Bamio –aínda que afincado no centro da localidade dende hai anos– é un apaixoado da música e tamén da festa máis multitudinaria da súa cidade. O martes –tras dúas edicións sen Festa da Auga– todos esperaban con ansia a súa aparición. E –como non podía ser doutro xeito– non defraudou.


Cando foi a primeira vez que decidiches ir á Auga caracterizado como Freddie Mercury?

Pois foi no ano 2015 e dun xeito casual, sen pensalo moito. Levaba un par de anos deixando bigote e en 2015 díxenme: Por que non collo uns vaqueiros, as zapatillas e esa camiseta de tirantes e baixo así? E fíxeno. E dende aí pasou o que pasou.


É obvio que es un fan de Queen e de Mercury...

Loxicamente. Aínda que cos anos fun escoitando outra música e a outras bandas, sempre vencelladas ao rock, cando era máis novo era un fan apaixoado e incluso obsceno de Queen. Tanto eu coma os meus amigos.


Como recordas esa primeira vez na Auga?

Pois baixei da casa pola mañá e fun camiñando hacia o centro. Nalgún bar poñíanme algunha canción e foi pasando a mañá. Xa cando estaba de retirada pasei por Méndez Núñez –cando eu non sabía nin que alí estaba a Duendeneta nin que había tanta marcha– e puxéronme unha canción e foi a miña primeira actuación. Impresionante.


Imaxino que no teu día a día non es así, senón que cando te caracterizas te metes na pel da personaxe...

Son extrovertido, pero non tanto. Cando me caracterizo así procuro que me embargue ese espíritu e síntome un pouco como se fose o mesmo Freddie Mercury. Eu empecei a empaparme da súa personaxe un ano antes de que morrera, tería eu uns 20 ou 21 anos. Por aquel entonces non había YouTube e o único que tiñamos era o VHS que comprabamos e reproduciamos unha e outra vez. Tanto eu coma os meus amigos flipabamos con Queen e con Mercury. Meu pai estaba na comisión de festas de Bamio e díxonos: “Xa que vos gusta tanto, por que non facedes unha actuación en playback polo San Xoán?”. E alá fomos, con moitísimas ganas.


Sabes que hai uns anos que se montou unha plataforma en Facebook para pedir que sexas o pregoeiro da Festa da Auga. Estarías disposto?

Eu por suposto que estaría disposto, pero non por min nin por unha cuestión de vanidade, senón pola xente que quere que o sexa. Tampouco é o meu ir alí e dar un discurso, porque o meu é a performance. En todo caso nunca mo pediron e nunca tiven ningún tipo de contacto cos membros da comisión da Auga.


Despois de dúas edicións sen celebrarse, as ganas de volver á Auga supoño que se notaron o martes por parte de todos os que te animaron...

Xa o notaba os días previos e incluso a noite antes. Víanme e dicíanme: “Fran, ánimo que hai que dalo todo”. Todos os de Vilagarcía temos especial cariño á Auga e sabemos o que significa, hai xente que contaba as horas e minutos que faltaban. Este ano eu tamén ía con máis ganas. Na Baldosa foi apoteósico, vivilo dende onde o estaba vivindo eu foi brutal. Ver como a xente bailaba, cantaba... Despois hai outros sitios que tamén son parada obrigada como o Morla, o Miúdo e tamén na Duendeneta. Para un fan de Queen ver como a xente nova aínda canta as súas cancións é moi bonito, emocionante. É unha experiencia digna de vivir en todos os sentidos.

Fran García: “Si que estaría disposto a ser pregoeiro da Auga, pero nunca mo pediron”

Te puede interesar