Malabarismos, humor e música contra o xenocidio en Gaza encherá as rúas para os nenos de ata cen anos no Festaclown

Malabarismos, humor e música contra o xenocidio en Gaza encherá as rúas para os nenos de ata cen anos no Festaclown
Espectáculo de Henriko Circo durante a presentación do Festaclown I MÓNICA FERREIRÓS

A música e o humor serán un dos eixos do Festaclown, que se celebrará en Vilagarcía do 18 ao 23 de agosto e no marco das festas de San Roque. O outro, coma sempre, a solidariedade e un berro contra o xenocidio en Gaza que se fará notar desde o día un, coa gala 'Circo da Barbarie', que se levará a cabo o propio luns da inauguración, a partir das 21 horas, e na que estarán, entre outros, Mercedes Peón ou Circo Chosco e a cargo de Pallasos en Rebeldía.

 

Ademais, a bandeira de Palestina ondeará nos 22 espectáculos do Festaclown. Tamén na presentación. "Queremos facer chegar o noso berro de apoio", apunta Nacho Fungueiriño, de Culturactiva, que organiza o evento. "É un orgullo para nós como pobo e para min como alcalde que luza a bandeira de Palestina para pedir que se acabe o xenocidio en Gaza", apuntou o alcalde, Alberto Varela.

 

O director de Agadic, Jacobo Sutil, destacou tamén a vertente de inclusión a través dos espectáculos con Clámide e Con Eles, con espectáculos realizados por persoas con capacidades diversas, "nunha programación pensada desde a accesibilidade para crear comunidade e chegar a todas as sensibilidades", destacou o responsable autonómico. A Xunta apoia, xunto co Concello de Vilagarcía e o Ministerio de Cultura, un evento que leva por subtítulo 'A festa da risa'.

 

O Festaclown chega este ano á súa undécima edición en Vilagarcía e xa "é un referente", ata o punto de que o rexedor explicou que "sen chegar ao nivel da Festa da Auga, ninguén entendería San Roque" sen a maxia e o humor dun evento que este ano, explicou Fungueiriño, incorpora espectáculos de danza e clown ou de camas elásticas. "Haberá moito ritmo", apuntan desde Culturactiva.

 

"Son espectáculos para todos os públicos, para nenos ata cen anos", apuntou a edila de Cultura, Sonia Outón, que incidiu no carácter itinerante do Festaclown, dividido entre os Xardíns de Ravella, a Praza de Galicia e a da II República. 

 

A traxectoria do evento está marcada por unha aposta polas compañías emerxenctes e a complicidade co público, que forma parte esencial do espectáculo. O representante de Agadic, que depende da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, fixo referencia á calidade das producións galegas que participan na programación, con espectáculos de humor, maxia, contacontos, números circenses e de clown da man de Marta Alonso Yejada, Rendos Pequenos, Mago Teto, Vero Rilo, Pérez & Fernández, Ghazafellos, A Cova das Letras, Assircopatas ou Henriko Circo, que precisamente foi a encargada de facer un adianto do que se vén durante a presentación do Festaclown nos Xardíns de Ravella e ante un espontáneo público que non escatimou en aplausos.

 

Apoio a grupos emerxentes

O Concello de Vilagarcía promove e financia o Festaclown, organizado por Culturactiva e patrocinado polo Inaem do Ministerio de Cultura e tamén polo Agadic da Xunta, a través dun proceso de concorrencia competitiva na que os técnicos valoran todas as características que ofrecen. Tanto Varela como Sutil destacaron a importancia da colaboración institucional para poder sacar adiante eventos deste tipo.

 

A metade dos 22 espectáculos son galegos, pero tamén hai presencia estatal e internacional, con grupos procedentes de Colombia, México e Arxentina. Converter as prazas públicas e rúas e parques en escenarios abertos é unha das chaves do éxito de Festaclown, que comezará o 18de agosto, ás 19:30 horas, na Praza de Galicia e diferentes rúas, polas que o artista catalán Nacho Flores levará unha peza de circo contemporánea, moi poética e visual, con música en vivo e inspirada nun imaxinario mitolóxico. A través dela, o público asistirá á viaxe de transformación na que o protagonista cabalgará facendo equilibrios entre minotauros e cabalos de Troia.

Malabarismos, humor e música contra o xenocidio en Gaza encherá as rúas para os nenos de ata cen anos no Festaclown

Te puede interesar