Pedro Falcón (asociación Breogán) | “No Piñeiriño o barrio non baixa ó pobo, é o pobo o que xa sobe ó barrio”

Foron virais por crear a árbore de Nadal máis pequena do mundo

Pedro Falcón é o tesoureiro da asociación Breogán, de O Piñeiriño, en Vilagarcía. Leva dende 2022 revitalizando este colectivo e asegura que o mellor é o agradecemento que ven na xente por que fagan cousas no barrio.

 

No voso Instagram dicides que O Piñeiriño é o mellor barrio do mundo. Por que?
Porque indiscutiblemente somos o mellor barrio do mundo. É unha coletilla que fomos empezando a colar dende que retomamos a actividade da asociación, no 2022, e foi calando entre a xente.

 

Como foi esa recuperación da asociación no 2022?
Esta asociación nace no 86, eu mudeime nos 2000 pero tiven a sorte de estar alí dende os 90, por meus avós, que son do barrio de toda a vida. Nos 90 a asociación era moi activa, pero entre 2000 e 2020 foi baixando a súa actividade e Antonio (Garrido, o presidente) e eu, falando no bar onde adoitamos reunirnos, quixemos retomar a actividade no 2022.

 

Foi complicado poñela de novo en marcha?
Non. Falamos coa anterior dirección, que son marabillosos, e en canto viron que había xente interesada en retomar a actividade, cedéronnos as chaves, dixéronnos as catro cousiñas que quedaban por facer no local e arrincamos.

 

"Estamos traballando co Concello para que a árbore de Nadal máis pequena do mundo entre no record Guiness"

 

Que é o máis positivo de estar involucrado nesta nova andaina?
Notas que a xente no barrio é moi agradecida co que se fai. Non tes máis que abrir a porta do local e facer cousas para que apareza un veciño para darche as gracias.

 

Así que a veciñanza está implicada nas actividades que se fan...
Si. Ademais, O Piñeiriño é un núcleo urbano bastante importante na vila. Dende hai uns anos, cando os bares se activaron un pouquiño máis, empezou a xerarse o efecto contrario ó que levaba vendo moitos anos: non é que o barrio baixe ó pobo, senón que o pobo xa sobe ó barrio. De feito temos unha nova frase, que é que O Piñeiriño está a tres cruces e un café.

 

Que facedes alí, logo, que atrae a xente da vila ata o barrio?
O que facemos é que facemos cousas. No verán notamos que faltan concertos? Pois tentamos animar ós locais para que organicen un concerto cada semana. Falta unha actividade musical? Pois facémola. Non tes máis que facer cousas e comunicalas, porque si que notamos que as asociacións non están tan acostumadas a enviar unha nota de prensa cada vez que fan algo. Non hai máis que facelo, comunicar, e a xente que está en toda Vilagarcía nota que o mellor plan posible é no mellor barrio do mundo.

 

Vides de celebrar a segunda edición do Solifest. Como foi?
O Solifest naceu o ano pasado porque a Asociación Amencer acostuma a facer actos anuais para recadar fondos e quería facer algo distinto. Contactaron con nós e xurdiu a posibilidade de facer unha pequena sesión vermú na rúa, pero fóisenos das mans. E este ano cuatriplicamos tanto o recadado como o efecto chamada. O ano pasado reunimos 2.200 euros e este ano, con máis tempo e máis xente, recadamos case 8.000 euros. Foi marabilloso. Cada vez que mirabas ó público, sempre había xente, durante 10 horas.

 

Fixéstesvos virais a raíz de crear a árbore de Nadal máis pequena do mundo. Como xurdiu isto?
Primeiro fomos noticia a nivel nacional, porque era a árbore máis pequena de España. Marián García, que é a xefa do café-bar A Perla, é artesá, e plantexouno como unha broma ou reto que acabou converténdose nunha realidade viral moi simpática. Cando ves que tes que adicar dúas tardes só a atender a medios de comunicación, dis ti: aquí pasa algo raro. Estar o 24 de decembro conectando con Jaime Cantizano... Fóisenos un pouco das mans. E este Nadal, un amigo que teño traballando en Holanda ofreceu a posibilidade de facer a árbore máis pequena do mundo dende o seu laboratorio. E esta vez a árbore, o barrio e Vilagarcía, convertéronse en algo viral a nivel mundial. Agora estamos traballando para que sexa record Guiness. É algo que se está coordinando co Concello de Vilagarcía.

 

Pedro Falcon
Falcón, tesoureiro do colectivo, esta semana en Vilagarcía | cedida

 

Nesta idea había unha crítica a esta competición por ter a árbore máis grande e tamén sobre a pouca visibilidade da ciencia...
Si. A do ano pasado si que foi para rirnos desa guerra de a ver quen a ten máis grande, a árbore. O segundo ano foi moi bonito ver a Adrián Jamardo sentado nos platós de televisión, porque el é unha fuga de cerebros máis que padecemos neste país. E aproveitamos para que, a parte de entrar na broma, fora a falar do que fan. Eles están estudando como, a través de células nai, facer órganos humanos.

 

Que necesidades ten O Piñeiriño?
No que máis nos estamos centrando é en mellorar as beirarrúas que hai na costa que conecta o barrio co pavillón municipal. É unha reivindicación dos pais do colexio e dos usuarios do pavillón. Tamén, mellorar a accesibilidade do colexio e o parque, que leva uns 20 anos sen unha reforma relevante.

 

En que estades traballando agora?
Temos o San Xoan, que é espectacular. Aínda non podo dicir o que se vai facer, pero vai ser moi grande. A acollida está sendo abrumadora. O ano pasado había xente que estaba entre ir á Coruña, a Panxón ou ó Piñeiriño, que é o termo medio entre moitísima xente ou ninguén. Tamén, temos obradoiros de guitarra abertos a todo o mundo, ioga... estamos a ver que todas as actividades se consoliden. Logo, hai ideas no aire como un clube de escoita para que a xente se reúna, tome un café e fale de discos, cancións... Queremos facer cousas distintas. 

Pedro Falcón (asociación Breogán) | “No Piñeiriño o barrio non baixa ó pobo, é o pobo o que xa sobe ó barrio”

Te puede interesar