Vacinarse contra a gripe que chega...

O aviso de que esta fin de semana teremos a chegada dun fronte frío polar coincide co cambio horario de inverno e co inicio da campaña de vacinación contra a gripe que está a por en marcha o Servizo Galego de Saúde. Segundo os resultados dos primeiros días de aplicación deste remedio preventivo contra unha enfermidade das cualificadas como comúns e estacionarias, que causa máis mortes que os accidentes de tráfico, fannos prever un seguimento masivo pese aos negros augurios dos negacionistas da inoculación do virus atenuado como método preventivo válido hoxendía.
O certo é que o escepticismo vai gañando cada vez máis adeptos ao igual que suben os seguidores das novas terapias, métodos pseudonaturalistas que rozan a naturopatía como xeito de tratar as enfermidades do século XXI e que acaban sendo centro de discusión entre a sociedade científica e os novos gurús da mediciña alternativa.
O que segue a recomendar a Organización Mundial da Saúde (OMS) é proceder a vacinar a aquelas persoas comprendidas no rango considerado como “grupo de risco” e que cada ano se vai ampliando pasando dos maiores de 65 anos e profesionais do sector sanitario ou dos servizos de emerxencia a outros colectivos como as embarazadas ou os cativos.
O certo é que o virus da gripe ten unha cepa moi activa en canto á súa capacidade mutante que fai que haxa que actualizar a curto prazo as vacinas que se inoculan polo que moitos destas persoas escépticas falan de que non son eficaces cando non se está a tratar do mesmo elemento causante da epidemia gripácea que toque en cada ocasión.
O que tamén resulta indubidable é que a acción da gripe é unha das principais responsables das baixas laborais por enfermidade que se rexistran no noso país e tamén é a causante dun grave prexuizo económico no índice de productividade das empresas ao verse afectados os traballadores por este virus facendo que cada ano esta afección sexa a responsable da perda de moitas horas e xornadas de traballo.
Así que, xa saben, déixense de poñer escusas e acudan ao seu centro médico a pedi-la correspondente cita antes de que se esgoten as unidades que cada ano o Sergas destina a este menester. Aínda así, pese a todo, ningún de nós estamos libres de padecer algún que outro resfriado coa chegada do frío do inverno, a suba do gasoil de uso doméstico e do recibo da luz que fai máis difícil que dispoñamos da correspondente calefacción, ou non?

Vacinarse contra a gripe que chega...

Te puede interesar