Exemplaridade

Rafael Louzán foi condenado por prevaricación. Louzán, patrón maior do PP provincial durante anos, factótum territorial, personificación dun modo (malo) de facer política, Presidente da Deputación de Pontevedra nos seus anos máis escuros e actual Presidente da Federación Galega de Fútbol tras dilapidar cerca de 50 millóns euros públicos da Deputación en campos de fútbol nos tempos antes de saltar dun lado a outro (que casualidade!) terminou por ser condenado despois de anos de loitas xudiciais entre marañas de casos.

Non creo que ninguén teña alegrías polas penas doutro e, salvando casos moi extremos, así debe ser. En todo caso é importante a exemplaridade e a dignificación da vida pública. Non contribúe nada a iso, todo hai que dicilo, unha xustiza lenta nos procedementos e sistemáticamente afogada pola burocracia e a incapacidade política de transformar o piar máis anquilosado da estrutura deste país. Con todo, aínda que tarde, ás veces hai resultados xudiciais que permiten pensar que aínda é posible (e debe selo) aspirar a unha sociedade mais limpa e máis xusta.

Non me paran de vir á cabeza tantas persoas que, dende tantos lugares, esgotaron esforzos en tratar de poñer luz sobre unha forma de actuar que necesitaba ser superada. Moita xente que nunca entendeu que houbera pobos ou rúas determinadas que tiveran máis farolas que Nova York e máis rotondas que Madrid, que se resistiu a aceptar que houbera millóns de euros en subvencións a dedo e que ninguén puidera fiscalizar. Houbo xente que deu batallas dialécticas baseadas nun concepto limpo de sociedade, e que defenderon sempre que quen mal anda, mal acaba.

Falando de exemplaridade, o complemento desta sentencia é que unha exalcaldesa está igualmente condenada como cooperadora necesaria. Pero lonxe de deixar de ser alcaldesa por un ataque de conciencia, o caso é que foi notoriamente ascendida hai meses a delegada provincial dun goberno da Xunta por un Feijóo que debe explicar por que premia aos imputados que terminan sendo culpables. Porque a exemplaridade non está soamente nos xulgados e nas sentencias, que tamén, senón no que cada representante público fai ante casos coma este. E xa vemos que hai portas onde da igual que se chame, que ninguén escoita.

Exemplaridade

Te puede interesar