Jose Antonio Otero | “Cremos que se malgastaron cartos públicos e é preciso facer unha auditoría económica”

Jose Antonio Otero | “Cremos que se malgastaron cartos públicos e é preciso facer unha auditoría económica”
Jose Antonio Otero, candidato de Esquerda Unida no Grove | d.a.

Jose Antonio Otero (O Grove, 1980) presentarase, por primeira vez, como candidato de Esquerda Unida ás vindeiras eleccións municipais despois de máis de dúas décadas vinculado á formación e tras a experiencia como concelleiro neste mandato. Otero participou e participa activamente en distintos colectivos do municipio. “Axudar aos veciños sempre me motivou”, sinala. Acompañao un equipo que “non lle debe nada a ninguén e que só busca mellorar o noso pobo”.

Con que bazas se presenta Esquerda Unida ás vindeiras eleccións?
Cremos que non é o momento de grandes proxectos e inversións con cartos municipais. Sempre defendimos un auditorio pero que estivera financiado pola Xunta e a Deputación. A pesar do que di o goberno, nunca votamos en contra desta infraestrutura senon dos 4,5 millóns de euros de inversión. Cremos que O Grove precisa dunha piscina, pero a nosa intención é negociar con outras administracións. É preciso actuar no servizo de axuda a domicilio porque as traballadoras están nunha situación caótica e apostamos pola súa remunicipalización, pero tamén recuperar o guindastre municipal. Hai xente que está pagar por uns vados sen ningún tipo de garantía.

O PXOM volverá a estar na axenda do vindeiro goberno.
A conclusión a que chegou Esquerda Unida é que só se poderá aprobar un PXOM no que participen todos os partidos, técnicos urbanísticos e actores sociais. O problema é que non sabemos como está o PXOM nestes momentos porque hai un documento colgado na web que variou completamente e seguimos esperando dende setembro por unha reunión na que se nos explique como está documento. A idea das reunións cos veciños que fixo o alcalde non está mal, pero nelas tiña que estar un técnico.

EU sempre defendeu unha segunda exposición pública do documento. Seguen mantendoo?
É necesaria para que os veciños poidan alegar e é un erro que o alcalde se negue a facela porque non está cumprindo cunha orde plenaria que el mesmo defendeu cando estaba na oposición. Nunca tivo tan sinxelo aprobar un PXOM, pero teno que facer con garantías.

Foron moi críticos coa reordenación do tráfico levado a cabo polo goberno. Cal é o modelo de vila que defende Esquerda Unida?
Apostamos por unha reordenación de tráfico e a peonalización das rúas, pero non como o está a facer o goberno a salto de mata. Basease nun Plan de Mobilidade, pero só inicialmente, non se molestou en crear grupos de traballo como indica o plan. A decisión de cambiar de dirección Lordelo pode que sexa axeitado, pero se fixo unha vez que se saturaron outras. Para facer cambios de rúas tes que medir as consecuencias noutras rúas. O Plan de Mobilidade estase a cumplimentar a base de anexos sen ningún tipo de previsión nin tampouco tendo en conta a necesidade de estacionamento. A nosa idea é buscar bolsas de aparcamento antes de acometer calquera cambio de circulación a través de alugueres ou convenios.

Cal sería a primeira medida que tomaría Esquerda Unida se chega á Alcaldía?
Facer unha auditoría municipal dos últimos oito anos porque creo que se malgastaron cartos públicos no Concello do Grove. Tamén ver como está a situación laboral e tentar pechar canto antes a RPT. O crédito do Auditorio está nestes momentos lastrando as novas contratacións porque está ao límite o teito do gasto municipal.

Teñen algunha liña vermella ante posibles pactos de goberno?
Co PP nunca pactaríamos e co PSOE ía a ser moi complicado. Teriamos que ver as propostas que se poñan sobre a mesa, pero despois de catro anos no cuatripartito e estes últimos catro anos, vai ser dificil que Esquerda Unida chegue a un acordo cun goberno liderado por Cacabelos. Sentarnos a falar nos sentariamos con todos, pero pactar xa é outra cousa.

Jose Antonio Otero | “Cremos que se malgastaron cartos públicos e é preciso facer unha auditoría económica”

Te puede interesar