Os mellores segredos dun lugar coñécense cando quen chos desvela é a xente que alí vive. Alomenos iso foi o que se respirou no Roteiro Musical organizado por Revenidas e guiado por Xurxo Souto coa colaboración das voces e da memoria da localidade. Con puntualidade inglesa o polifacético artista fixo soar tres veces a súa buguina. Comezaba a aventura. O etnógrafo e gaiteiro Carlos Rei acompañou a un grupo xeitoso -que foi medrando a medida que aumentaban os pasos e as historias- nunha primeira parada. Única, pois os participantes puideron ver de preto as primeiras pías da salazón e coñecer un pouco da historia desta industria moi vencellada ao mundo mariñeiro que se respira en cada recuncho da vila. Ou dos dous Vilaxoáns. “Estamos os da parte de abaixo, os da ciudá, e os da parte darriba da estrada, que son os da aldea”, explicaba unha das veciñas. Foi ela a que aclarou que se en Carril son “afoghacristos, en Vilagarcía os ingleses en Vilaxoán somos os da man morta”. “Por que? Preguntou Xurxo Souto?”. “Pois porque os homes non eran de traballar e facíano todo as mulleres”, explicaron varias. Foi tan só unha das moitas anécdotas que tinguiron un percorrido histórico e tamén musical.
A comitiva parou á beira da fonte -simbólica na perda da condición de Concello e da súa fusión con Vilagarcía- e dunha Praza de Rafael Pazos que, ao falta dun Vilaxoán Canta 2020 por mor da pandemia, puido escoitar as voces das veciñas que quixeron mostrarlle aos que estaban de paso a riqueza do seu cancioeiro popular. “Morocha, dá o tono”, pedía Xurxo Souto. Os que non sabían as letras, daban palmas, e cada parada remataba cun “Medre Vilaxoán; Medre Revenidas” que convidaba a seguir percorrendo rúas e historias. De sindicalismo e mar, da casa do último alcalde e da casa do cura. Lugares con historia que o propio Xurxo Souto destacou que “contrastan co que podemos ver se só nos movemos pola zona da ribeira”. Porque, e así o explicou o polifacético artista con alma vilaxoanesa, “as cousas pasan por algo”. A cinco rapaces que viñan de Vigo explicoulles quen era Máximo Patiño, figura recoñecida e homenaxeada por todos na vila e aos da casa insistíalles en que cantasen e sacasen de dentro aquelas cancións “que todos sabedes”.
O Roteiro Musical permitiu entrar ao xardín do pazo erixido no medio da vila e foi Cándido Meixide -que exerceu como guía en varias ocasións- o que salientou os poderes representados na arquitectura aínda viva de Vilaxoán: A nobreza e a igrexa.
Os pasos, ávidos de máis historia e música, levaron á comitiva ao lavadoiro. “Lugar de encontro e parladoiro”, indicou Cándido e onde a boa acústica fixo resoar unha vez máis o “medre Vilaxoán, medre Revenidas” coas mans en alto. Xa na outra parte da estrada, na zona da igrexa de San Martín de Sobrán, Xurxo Souto cedeulle o mando a Luis “o de Marajota e media, gran comparsa” para que explicase a historia e os elementos destacados dun templo exemplo da arquitectura románica na provincia de Pontevedra. Foi el o que deixou no aire a pregunta de donde estará a figura do patrón que noutra época decoraba a fachada da igrexa. “Hai quen di que está en Meirás”, sinalou unha asistente. Foi a entrada do templo o que serviu de colofón a un roteiro cuxa asistencia demostrou que foi todo un éxito. Acabou, como non, con música, cantando unha habaneira en galego fermosa e nacida e recollida en Vilaxoán. Todo un luxo.