Vía libre á Vía Verde

Non hai moito, alguén da miña familia me contaba os seus plans de saír cos nenos e outras parellas a pasar unha fin de semana en familia. Fanno bastante a miúdo e a lugares tranquilos onde teñan a oportunidade de camiñar entre a natureza, sen perigo nin ruídos ou fumes de coches: “En plan relax e para desconectar, onde os nosos fillas e fillas poidan, correr, andar en bici, desfrutar da tranquilidade”, polo que para elixir destino fixábanse na existencia de rutas de sendeirismo e de que o lugar contase con atractivos próximos que non requiran desprazamentos longos. 
O da miña familia non é un caso illado. Cada vez son máis as persoas que optan por este tipo de turismo. As axencias e operadores xa os ofertan e Vilagarcía atópase na situación ideal para explotar este novo recurso a través da creación dunha Vía Verde. Para quen aínda non teña escoitado falar deste tipo de infraestruturas, explicarlle que se trata de aproveitar o trazado de vías de ferrocarril en desuso para reconvertilas en sendas peonis e cicloturistas; algo que ten excelente acollida nos distintos lugares de España que xa contan con elas.
Por estes nosos lares, dende que no 2008 entrou en funcionamento a alta capacidade ferroviaria, abandonouse o vello trazado duns 9 quilómetros de lonxitude que dende Rubiáns, discorría por Caldas ata a estación de Portas. 
En vista disto, o Concello de Vilagarcía decidíu aproveitar este antigo e promover a creación da primeira Vía Verde de Galicia -a única que discorrería integramente por solo galego-. Trátase dun proxecto que reúne un bo número de elementos para acadar o éxito e, con elo, reportar grandes beneficios aos municipios partícipes cuxos responsables acolleron con ilusión a proposta.
Turismo natural, ecolóxico e paisaxístico…, que revitalizaría os núcleos rurais polos que antaño pasaba o tren. Que poría en valor o patrimonio local de todo tipo -etnográfico, cultural, gastronómico-, posto que a senda complementaríase cos elementos de valor de cada zona-. Unha ruta totalmente accesible, dado que a escasa pendente das vías do tren fainas perfectas para ser percorridas a pé, en bicicleta e mesmo por parte de persoas que usan cadeira de rodas.  Unha senda que serviría para promocionar Vilagarcía, Caldas e Portas a nivel turístico por toda España xa que se publicitaría ao amparo da marca “Vías Verdes” que promove a Fundación de Ferrocarriles Españoles, coa que xa temos contactado. É un recurso que enlazaría con outras grandes potencialidades da zona como Cortegada, o Xardín de Excelencia Internacional do Pazo de Rubiáns, a Ruta dos Pazos, ou turismo termal de Caldas; sen deixar atrás a oferta hostaleira, gastronómica, festiva, comercial e de ocio que temos en Vilagarcía e que tamén serviría como elemento de atracción complementario. Un corredor con escalas singulares e fermosas como a vella Azucareira de Portas, o paso sobre o río Umia, as igrexas de Santiaguiño ou Santa María de Godos ou os paseos entre carballos, piñeiros, salgueiros, alisos e loureiros e mesmo entre terreos de cultivo propios da zona como millo ou viñedos. E a posibilidade de atraer a peregrinos a través do Camiño Portugués dende Caldas e da Ruta Marítimo Fluvial Xacoea dende Vilagarcía.
No seu día o tren levou prosperidade, modernidade e riqueza aos lugares polos que pasaba. Xa noutro século, os medios de transporte evolucionaron ao igual que a sociedade e as súas demandas. Hoxe temos un tren de alta capacidade que discorre por outras vías e unha mellor rede de estradas para comunicarnos. Sexamos realistas: neste contexto, conseguir un tren de cercanías polas vías vellas nin parece viable económicamente, nin semella que tivera demanda para ser rentable. 
Por iso, tamén nós temos que evolucionar e tirar de “ecofilosofía” para reciclar e reutilizar. Sacar do armario aquilo que non usamos dende hai anos e sacarlle proveito dándolle outra finalidade. Collamos o vello trazado ferroviario entre Vilagarcía, Caldas e Portas e fagamos del unha Vía Verde. Contamos coa colaboración da Fundación de Ferrocarriles Españoles e co éxito das decenas de sendas deste tipo que teñen posto en marcha por todo o Estado. Sabemos que Adif, propietaria do corredor, non só facilita o proceso, senón que asume o desmantelamento das vías para a súa posterior conversión en senda. O investimento non é elevado, nin moito menos, e ao tratarse dun proxecto supramunicipal, os concellos implicados ademais de optar a financiamento da Unión Europea, poderiamos contar coa colaboración da Deputación.
Vilagarcía ten a honra de pasar a historia por contar coa primeira liña de ferrocarril de Galicia Cormes (Santiago)- Carril (Vilagarcía) en 1873. Sexamos agora pioneiros cunha Vía Verde que, como o tren fixo no seu día, tamén será sinal de progreso e prosperidade.
Non podía estar mellor traída a frase de “non deixar pasar o tren pola porta” para referirse a este caso. Pois, iso: O ferrocarril pasou no seu día por esas vías, pero o camiño de ferro esquecido hoxe, aínda ten moito futuro por diante. So temos que darlle Vía Verde.  

*Voceira do Grupo Municipal do Partido Socialista de Vilagarcía de Arousa.

Vía libre á Vía Verde

Te puede interesar