Máis razóns que nunca

O movemento feminista galego leva meses organizando un 8M seguro e acorde ás esixencias da covid-19. Ao longo da pandemia concentráronse distintos colectivos como a hostalería, a sanidade pública ou a ensinanza concertada. Da mesma maneira, saíron en plena pandemia grupos negacionistas e neonazis, moitos sen máscaras e sen medidas de seguridade, incluso no peor momento epidemiolóxico. Non houbo reproches para eles, nin limitacións, nin prohibicións. Mais é xusto agora, ás portas do día das mulleres, cando comeza o debate e a política esixe cautela. Sen poñer un pé na rúa xa se nos sinala en complicidade con quen nos criminalizou fai un ano, culpándonos da expansión do virus polo 8M. O que non lles gusta son as mulleres libres, as que reclaman os seus dereitos, non toleran o feminismo porque a igualdade supón a perda dos seus privilexios.


Por responsabilidade, o feminismo galego decidiu non convocar a manifestación unitaria, como é costume, e limitarse a accións locais, legais e seguras. Mais a sombra de Eva, aquela culpable e infractora a ollos da biblia, nos persegue. Está demostrado que o 8M do ano pasado non tivo que ver coa propagación do virus. Ese mesmo día houbo centos de miles de persoas nos estadios de fútbol, ao día seguinte houbo máis persoas no metro de Madrid que en calquera concentración ao aire libre, posto que non existía aínda ningún tipo de limitación na mobilidade nin nas reunións. O problema xorde tamén ao aplicar unha visión centralista, as manifestacións multitudinarias de Madrid en nada se corresponden coa realidade de Vilagarcía .


Mentres se nos culpabilizaba da pandemia, as mulleres puxemos os nosos corpos na primeira liña contra a COVID. Sostemos a vida en profesións consideradas esenciais: educación, sanidade, coidados, limpeza, alimentación. Pero, como recompensa, xa nos está a deixar unha maior precariedade. E a culpa. Porque, historicamente, a culpa sempre foi unha das ferramentas máis efectivas para exercer o control sobre nós

Pero nós non somos Eva, somos Lilith. Nós non imos imos calar mentres nos seguen asasinando, violando e maltratando por ser mulleres, mentres a primeira causa de morte no mundo de mulleres de entre 15 e 45 anos sexa a violencia machista, mentres exista a fenda salarial, mentres se nos infantiliza e cousifica, mentres o sistema nos precariza con pandemia ou sen ela. Ata que todas as mulleres, racializadas, trans, con diversidade funcional, non heteronormativas, sexamos libres no paraíso que construímos con feminismo e sororidade. Son máis razóns que nunca e por iso haberá 8M en Vilagarcía. Por iso cada 8M seguiremos a reivindicar os nosos dereitos. Seguiremos sendo Lilith.

Máis razóns que nunca

Te puede interesar