Manda de honra para Díaz Pardo

Manda, substantivo feminino, entre as súas variadas significacións na nosa lingua ten dúas que resultan especialmente acaídas para honrar a memoria persoal, cultural e política de Isaac Díaz Pardo na hora do seu centenario de nacemento, acaecemento celebrado en coincidencia co da mítica, e determinante, Xeración Nós. Metáfora de xentes e tempos que resultan fundamentais na construción da moderna identidade nacional galega. Velaí, manda é “doazón feita a alguén mediante testamento”, aínda que nesa aseveración existe criterio diverxente entre os xuristas por entender que debe diferenciarse ben o concepto de legado do de manda. O primeiro para sinalar unha doazón “mortis causa” ordenada no testamento; no entanto unha manda é unha imposición que se fixa aos herdeiros ou legatarios para ser cumprida con vontade ou en gravame da doazón recibida. Unha fórmula practicamente en desuso que foi habitual en tempos pasados para fixar determinados cumprimentos, na memoria da persoa finada, de carácter relixioso, entre elas a celebración de misas e responsos pola alma do morto. Aínda así, ben puidera aceptarse como un deber de obrigado cumprimento que un fato de persoas, a xeito de comando cívico chamado a si mesmo Alento Esbravexo, lanzou ao universo para non deixar pasar a efeméride deste aniversario natalicio “dun ser especial, senlleiro e incomparábel até o de agora, admirado, querido e loado” por toda Galiza. Para ser honrado cunha peza ou flor literaria no ámbito da colaboración en rede.


Aquí entre en xogo a segunda das acepcións lingüística que ten a palabra manda: Cantidade de algo que se pode coller dunha soa vez coas mans. Así naceu a campaña “Unha manda de pezas para Isaac” que, após nove meses aberta á participación da xente do común en canle virtual accesíbel nos mundos da internet, pecha a súa andaina con máis dun cuarto de milleiro de entregas que chegan de todas as xeografía do Planeta Terra en tributo seu porque “grazas a el, as cores singulares de Sargadelos seguen a dar luz aos días grises” do país. Certamente, a figura poliédrica de Díaz Pardo trae, como pegada inicial, unha imaxe que ten a ver coa divulgación da identidade galega dende os produtos cerámicos, ampliando unha tradición que xa nacera con artistas precursores del, coa que fixeron posíbel o deseño e produción dunha manchea de efixies, emblemas e símbolos que contribuíron a “reconstruír un imaxinario colectivo” que hoxe pendura en paredes de casas e despachos para darlle visibilidade á historia galega.


Con todo, é preciso subliñar o seu papel no rescate da Memoria, a memoria dos demócratas, co obxecto de dignificala e divulgala no editado por Edicións do Castro, tamén na cerámica e coa promoción de seminarios á par do Instituto Galego de Información, o Museo Carlos Maside e unha manchea máis de iniciativas e contribucións a prol do coñecemento do pasado, con capacidade crítica e analítica, para establecer as bases de futuro. Patrimonio vital dun home bo e xeneroso.   

Manda de honra para Díaz Pardo

Te puede interesar