Das incongruencias

Alguén lle debera recordar a Edmundo Bal, á sazón candidato de Cidadáns á Comunidade de Madrid, que estiveron, están ( e descoñecemos se estarán porque as cousas lle pintan peor que mal) gobernando con Vox en todos os territorios onde tiveron ocasión de formar goberno. Aínda concedendo que o falar non ten cancelas, debera coidar un pouco ese falso pudor sorprendido co que denuncia os posicionamentos de Vox. Con retirarlle apoio nas institución nas que goberna con eles, xa amosaría esa coherencia que, aparentemente, denuncia nesta campaña, escandalizado do que está descubrindo de Monasterio e compañía. Tarde piaches, din na nosa terra, pero está claro que Edmundo só predica, pero de actuar para cambiar as cousas nada de nada, iso xa son palabras maiores. Que a realidade non te quite os sillóns dende os que contemplas o mundo dun xeito privilexiado. Ayuso segue intentando vendernos Madrid como sitio distinto. Allea a todas as realidades do que sucede, xorda a todas as recomendacións sanitarias e cegada pola soberbia da añorada victoria que lle aseguraron os seus gurús de cabeceira, vive sen vivir nela agardando por ese 4 de maio que xa lle tarda. Mentres, compara a Liberdade con maiúsculas, co feito banal de tomarse unha cervexa ou de deixar ao mozo. Sería desternillante se non fora porque pensa que é verdade. Unha Presidenta que lles chama mantidos subvencionados ás persoas que forman as tristes colas da fame, non ten lexitimidade algunha. Xa non é que non teña coherencia ou sensibilidade, é que vive nunha realidade distinta da dos cidadáns aos que lle pide o voto. Toca agardar para descubrir se o día 4 a coherencia será virtude, ou acaso será sorpresa.


A luz domesticada dos anoiteceres, sempre fala de ti. Murmura da realidade migratoria das ausencias –dixo El– do desorde silencioso dos baleiros, e do valor de eternidade de sentirte.

Das incongruencias

Te puede interesar