Abraio polas estrelas do oitavo ceo

Pasa por ser o monarca que “de tanto mirar as estrelas, esqueceu o mundo”. Ese foi Afonso X que coñecemos polo alcume de O Sabio, referente medieval da cultura galega de prestixio como autor da monumental obra das Cantigas de Santa María, quen alén das fascinación científica polo universo estelar, foi rei das e dos galegos da súa época que incluía nunha titulación extensa que conformaría un complexo cartón de presentación no que indicaría ser “Rei de Galiza, de Castela, de Toledo, de León, de Sevilla, de Córdoba, de Murcia, de Xaén e do Algarve”; cousa esta última que, na filosofía de galego que aprendeu dos seus formadores, xente douta do País, “poida que fose e poida que non”, cousa que aínda non está debidamente verificada. Sexa como for, a tarefa política de gobernar este basto territorio non foi asunto menor; e aínda así, pola descendencia da nai que influíu nel á hora de motivalo na aprendizaxe dunha múltiple e variada inclinación ao coñecemento sobre moitos aspectos da ciencia, do dereito normativo, das humanidades e da cultura xeral do seu momento, tamén incentivou o seu empeño en ser proclamado como Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico ao que dedicou tempo e recursos económicos sen pasar da consideración menor, coa previa proclamación de “rei electo de romanos”.


Así e todo, afondando na conexión galega do Rei Sabio cando se compren oitocentos anos do seu nacemento, o Consello da Cultura Galega vén promovendo unha orixinal e moi coidada exposición co título “Afonso X e Galicia” que rematou xa o seu periplo compostelá para continuar coa súa andaina por outras localidades. Un proxecto expositivo que, xunto aos elementos materiais de patrimonio histórico, paneis didácticos, pezas audiovisuais pedagóxicas e ambientación musical complementaria, sumada ao mobiliario especialmente deseñado para contemplar o conxunto harmónico dunha mostra que ten nas figuras hexagonal e circular a identificación coa filosofía da persoa conmemorada, agrándase tamén no ámbito de internet cun espazo onde figuran materias textuais, sonoros e audiovisuais cunha proposta de percorrido polos lugares galegos afonsinos.


Como non pode se doutro xeito, o espazo central da mostra está dedicado ás Cantigas de Santa María, escritas en galego, con seis pantallas aéreas nas que poden verse, nun aceno ao mundo da astroloxía e da astronomía que conectan coas “Tablas” e co limiar, atribuído ao Sabio, dos “Libro do saber de astroloxía”, que é o “Libro das figuras das estrelas que están no oitavo ceo”, unha tradución de textos por el ordenada. Parte da súa contribución aos saberes na que tamén é preciso lembrar, entre as xurídicas, as Sete Partidas; a “Grande e xeral historia” ou o “Libro dos xogos”, unha pequena mostra das achegas a el debidas. Por iso, a RAG reclama que Patrimonio estatal difunda na Rede e con acceso libre os códices das “Cantigas de Santa María” custodiados no Escorial para contribuír á difusión, seguindo os pasos doutras bibliotecas. A favor da cultura.

Abraio polas estrelas do oitavo ceo

Te puede interesar