Falar cos aparellos tecnolóxicos

parello, do mesmo xeito có seu sinónimo aparato, é obxecto, mecánico ou non, constituído por varias pezas combinadas para executar un traballo ou realizar unha función. Sexa pura mecánica repetitiva de procesos simples ou teña unha enxeñaría sofisticada con funcións da chamada intelixencia artificial que bebe de algarismos complexos niso que agora constitúe a invasión das máquinas tecnolóxicas de máis grande ou máis pequena dimensión; e dicir, computadoras ou equipos móbiles, e tamén os considerados asistentes persoais e no fogar aos que se dá orde verbal para executar diferentes funcionalidades previstas na programación do trebello en cuestión.



Daquela, na véspera da Festa das Letras Galegas, día reivindicativo para conquistar o dereito a vivir no idioma galego que está a perder falantes de xeito alarmante, o Goberno galego presentou, con gran difusión pagada en medios de comunicación, o proxecto “Nós: Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega” que, alén de ser unha baza pillabán na procura da tallada económica dos fundos europeos NGEU para a recuperación económica, lastrada pola pandemia sanitaria do Covid-19, é unha boa aposta por dotar ao idioma galego de instrumentos e recursos lingüísticos dixitais para facilitar o uso da nosa lingua nunha variedade de dispositivos electrónicos: asistentes de voz, sistemas de recoñecemento da fala e tradutores de alta calidade. Un paso correcto, abofé.



Certo é que a proclama do Presidente galego, á cabeza das autoridades que presentaron o devandito proxecto tecnolóxico, advertindo que “se non salvagardamos o idioma na época que nos toca vivir, este pobo irá esvaecéndose desde o punto de vista da cultura e desde o punto de vista da singularidade que supón ter unha lingua propia, que é probablemente o tesouro cultural máis importante que pode ter un pobo”, soa a cinismo político á vista da traxectoria seguida polo executivo autonómico que el lidera, responsable da deriva alarmante na perda de uso do idioma.



Velaí a flagrante contradición que lle botou en cara a Mesa pola Normalización Lingüística, na concentración a prol da reclamación do dereito, unha vez máis, a vivir en galego no país, demandando unha mudanza na política lingüística da Xunta para deter a caída de falantes porque logo de corenta anos de autonomía “non é unha lingua plenamente oficial aquela que está excluída da xestión sanitaria en plena pandemia, excluída de practicamente todos os contidos audiovisuais, e cun emprego arbitrario, en función do que diga o persoal, na Administración pública”; xa que o galego aínda hoxe é unha lingua aparentemente oficial, pero que non se pode empregar en todo e para todo. Responsabilidade que, no acto cerimonial da RAG para gabar a enerxética rebeldía de Xela Arias, estende ás familias. Tócanos gañar o futuro do galego, a diario.


Falar cos aparellos tecnolóxicos

Te puede interesar