Laxe dos Bolos, o petróglifo de Caldas que agocha simboloxías únicas

Laxe dos Bolos, o petróglifo de Caldas que agocha simboloxías únicas
Os petróglifos de Laxe dos Bolos están ubicados no Monte Xiabre, na parroquia caldense de Saiar | cedida concello caldas

O Concello de Caldas busca que o petróglifo de Laxe dos Bolos, no monte Xiabre, se convirta nun dos elementos culturais e patrimoniais por excelencia da localidade. É por iso que, conxuntamente co Instituto de Ciencias del Patrimonio do CSIC, estea levando a cabo unha serie de accións encamiñadas a pór en valor uns restos arqueolóxicos únicos no noroeste peninsular. A arqueóloga caldense Elena Cabrejas é parte do equipo que está recollendo información e que analizará o atopado en Laxe dos Bolos. Este petróglifo, ao igual que outros atopados no Xiabre, viron a luz a raíz dos incendios de 2006 que deixaron nu este monte que vixía a Ría de Arousa. “É certo que son descoñecidos para moita xente, pero os veciños de Saiar coñecíanos e foron eles os que llos ensinaron ao investigador Antonio de la Peña no ano 2001. Posteriormente houbo outro traballo no 2007, pero nunca se entrou a facer un análise do que realmente había”, explica Elena Cabrejas. Precisamente a aposta actual do Concello de Caldas é a que está deixando ver que este xacemento conta cunha “riqueza iconográfica moi grande, dado que é unha laxe cun montón de gravados”. Elena Cabrejas sinala que “nos primeiros resultados vemos que hai motivos característicos da arte atlántica, pero tamén outros moi excepcionais que aparecen en moi poucas zonas e outros que incluso son únicos”.


A intención é dar a coñecer este elemento mediante unidades didácticas ou exposicións nas rúas de Caldas 


Unha vez rematado o traballo de campo o seguinte paso é facer un análise da iconografía recollida. “Analizar todo isto é bastante complexo. Hai figuras solapadas, dado que é unha zona que ten máis de 2000 anos”, explica a arqueóloga. Cabrejas expón que a intención é que a partir do mes de setembro se poidan levar a cabo unhas charlas no centro de Caldas para dar a coñecer os resultados atopados. Sería tan só unha das actividades que hai en mente para poñer en valor este petróglifo. “A idea non é facer visitas porque é un sitio moi inaccesible, senón levar todo o que estamos atopando fóra, con unidades didácticas nos colexios ou con exposicións na rúa. Facer que a xente os coñeza e que sexa un elemento diferenciador no patrimonio caldense”, explica a arqueóloga. Respecto aos petróglifos atopados recentemente en Bemil Cabrejas sinala que “parece que están conectando unha ruta que nos leva cara Laxe dos Bolos, que ten relación”. Destaca tamén como “moi interesante o que atopou hai anos José Casal en Arcos, moi atípico, moi antigo e excepcional”.

Laxe dos Bolos, o petróglifo de Caldas que agocha simboloxías únicas

Te puede interesar