Mascariñas con sentido común

Dentro do mundo tan centrado na COVID que vivimos nos últimos tempos, e obcecados como estamos en analizar todos os detalles, hoxe semella que estamos moito máis libres que onte pois a mascarilla que nos puxo bozal comeza a poder ser retirada por momentos. Non é un día de tirala ao chan, nin de esquecerse dela. Non é tampouco unha obriga quitala, ao igual que vostede podía seguir poñéndoa na súa casa durante estes meses. Pero empezamos a atoparnos a cara descuberta.


Será, ao principio, moi raro. E seguramente todos retiraremos con certa timidez a máscara e farásenos chocante ir pola rúa sen ela (salvo aos que xa a poñían case de casualidade). Teremos a constante dúbida de se estamos facendo ben, e buscaremos a aprobación conxunta dos demais para saber se podemos, ou non, quitala. Pero son avances. Pequenos en xeral, pero grandes para ir apartando aos poucos o que é o símbolo da loita contra a pandemia.


Quedarán atrás os debates absurdos que nestes días vivimos, que ocupan ás mentes pensantes das televisións e radios, sobre se as normas non son claras ou o que hai que facer se hai moita xente acumulada nun semáforo. Hai discusións tan sesudas sobre cuestións tan absurdas que un pensa que hai xente que ten sorte de non necesitar pensar para respirar. Se vostede dubida se hai moita xente xunta, mantéñaa. Se cre que pode molestar a alguén quitándoa, mantéñaa. Se trata con xente que está traballando e debe poñela, mantéñaa. Se vostede ten dúbidas, mantéñaa. Porque non se trata de escudriñar as normas para ver onde teñen un fallo e onde se poden incumprir, senón de entendelas e acompañalas como sociedade civilizada.


Trátase do sentido común, que como di un amigo meu ten o problema de que cada un ten o seu. Non entanto, creo que seremos ben capaces de ir aireando as nosas caras e recoñecernos, aínda que sexa de lonxe e con coidado. Porque os cambios chegarán de a pouco e haberá que ir desfrutándoos de a pouco, e porque xa resultaría sorprendente que todos os días víramos a xente que non era quen de cumprir a norma de poñela como para que agora vaia a ser que eses mesmos teñan problema porque se poida ir quitando.

Mascariñas con sentido común

Te puede interesar