Requiescat in pace

crónimo do epitafio en latín “requiescat in pace”, RIP é aínda unha expresión que marca moitos dos lugares de enterramento aos que se honrará no vindeiro Día dos Defuntos, con misas de réquiem e coa presenza das e dos parentes que, deste xeito, reiteran o desexo de que descansen en paz. Non se trata da metafórica “paz dos cemiterios”, da desmemoria, abofé non. Esa é outra historia. Forma parte da nosa boa tradición social render tributo á memoria dos nosos devanceiros mortos. Facémolo, coa adaptación ao rito cristián do seu precedente na conmemoración do pobos anteriores á romanización, especialmente da civilización celta e do seu deus Samaín, arredor dunha data consagrada polo santoral católico á festividade de todos os santos, aínda que no misal sexa realmente o día que sigue a este citado. Pesa, con forza, o feito de ser xornada sen actividade laboral en moitos dos traballos. Tempo de visita aos milleiros de cemiterios do país, co cerimonial que supón o lavado de cara e adorno luminoso e floral do sartego, nicho ou sepulcro familiar sen reparar nun feito lamentábel, a lingua utilizada na lápida dos defuntos.

Por iso, agora é un momento certeiro para reparar na inxustiza que sofre a memoria querida das persoas que nos van deixando para pasar á outra vida, pasamento que pola desidia dos herdeiros comeza pola habitual utilización dun idioma diferente, ao empregado en vida polo finado, en todo o que atinxe ao cerimonial fúnebre; mesmo para alén do escaso entusiasmo que poñen as empresas de servizos funerarios á hora de acometer un proceso de uso do galego no que respecta á facilidade de inclusión do anuncio necrolóxico, o acto relixioso dos funerais e outros aspectos das exequias. Sarcástico ao ver a identificación do alcume co resto do relato escrito.

Non é asunto menor visto dende a importancia que representa o patrimonio funerario cando nos achegamos ao coñecemento de civilizacións milenarias a partir da escavación dos seus camposantos, pirámides, mámoas e outros lugares de enterramento, moitas veces os únicos que ofrecen información daqueles pobos primitivos. Se facemos un xogo de comparación, á vista do que reza nos cemiterios galegos nunca se podería concluír que esta nosa comunidade territorial tivo identidade, cultura e lingua propia por miles de anos sucesivos. É mágoa, e mal camiño.

Á par da exixencia que se recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico na nova Lei de Comunicación Audiovisual, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, e outras formas de tradución nas canles de televisión e outras similares; é tamén fundamental asumir a campaña “En galego, agora e sempre” que vén impulsando o Día da Restauración da Memoria, sinalando á entrada dos cemiterios galegos o recoñecemento “na memoria das persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galiza segue a ter cultura e lingua de seu”. Herdanza garante de “mil primaveras máis para a nosa lingua”. Para evitar o RIP ao galego.


Requiescat in pace

Te puede interesar