Paula Dios é a xerente da Fundación Deportiva Municipal da Illa de Arousa. Comezou no deporte nos anos 90, cando na Illa se fixeron dous equipos de baloncesto e ela era unha das xogadoras. Despois continuou formándose neste ámbito e no 2005 tomou as riendas da Fundación, da que hoxe nos fala.
Cantos clubes hai na Illa, de todos os ámbitos deportivos?
Dentro da Fundación temos membros dos clubes que teñen deporte base. Está o Clube de Baloncesto Dorna, o Clube de Xadrez Dorna, o Clube de dornas a vela Dorna tamén, o Clube de Piragüismo Illa de Arousa, o Clube de Ximnasia Rítmica Arousa e o Céltiga de fútbol. Despois, hai un clube de baloncesto que se chama Illa de Arousa, pero non está ligado á Fundación por non ter deporte base. Cada un deles ten un representante como patrono da Fundación deportiva.
E que se fai dende a Fundación?
Axudamos ós clubes no deporte base sobre todo, xestionamos as instalacións do Concello e promocionamos a práctica deportiva, sobre todo en deporte base e saúde. Os clubes levan a parte federada, teñen unhas 500 fichas entre todos, e dende a Fundación temos outro tipo de actividades. Tiñamos duascentas e pico persoas que facían deporte con nós en pilates, aerobic, mantemento para a terceira idade, sábados divertidos... E dende 2023 temos o ximnasio municipal, co cal son outras duascentas e pico persoas no ximnasio. Entón, as cifras non son malas.
Agora vén a Festa do Deporte. Cóntenos que é.
A min gústame moito. Son todos os clubes que están aí os que promocionan cada un a súa actividade e é unha forma de que alguén que non está ligado a un clube, teña un día para probar ese tipo de actividade, que é o que nos interesa, sobre todo nos cativos, que moitas veces xa os centramos nun deporte porque os pais practicabamos ese deporte. Desa festa naceu que moita xente se metese nun clube durante o inverno. Temos entorno a 700 participantes. E despois, a semana seguinte temos o Carreirón 10K que, se enchemos inscripcións, son 650 participantes máis.
"Cando eu empecei de monitora tiña dúas mulleres, e unha con bastón. Ese ano acabamos sendo 40 e tendo homes, que foi un logro"
Explíqueme polo miúdo que se verá na Festa do Deporte.
Empezamos o domingo con xadrez. Apúntaste e vas participar ese día alí. E tamén temos a ximnasia rítmica. Como novidade, van facer a súa exhibición no Regueiro. O luns temos a parte do Céltiga, que pon os seus adestradores a disposición do evento. O martes tócalle a baloncesto, que van facer no Regueiro un pequeno 3x3. O mércores tócalle a piragüismo, que pon adestradores e embarcacións a disposición de todo aquel que queira probar, igual que as dornas a vela, que son o xoves. O sábado pola mañá a Fundación organiza a marcha ciclista, onde se fai un percorrido para fomentar o uso da bicicleta na Illa. E pola tarde rematamos cunha homenaxe ós deportistas, que facemos no Auditorio.
Segue sendo o fútbol o deporte que máis atrae?
Si. Baloncesto tamén. Temos un problema agora mesmo que é a natalidade, que nos vai costar facer equipos. Xa estamos collendo de fóra da Illa. O ano pasado no Céltiga comezou o equipo feminino sénior e foi un enganche tamén para as nenas, e o baloncesto fixo un “boom” con elas. Iamos detrás dos chicos, pero houbo temporadas que xa os superaban. Son duascentas e pico licencias que ten o Céltiga e cento e pico o baloncesto.
E cal animaría a probar?
Ata os 12 anos os nenos teñen que probar de todo. De feito, encántame que na Anpa metan judo, atletismo, taekwondo, tenis, patinaxe... Teñen que formarse en todo, porque cada un vaiche dar algo que non podes ter cos outros.
Que evolución nota dende 2005?
Cando eu empecei había aerobic e terceira idade. Como monitora de terceira idade tiña dúas mulleres, e unha con bastón. E pouquiño a pouco foise incrementando. Ese ano acabamos metendo, que foi un gran logro, a homes. Acabamos ese ano con 40 persoas en terceira idade. Co pilates pasamos de ter dous grupos a ter 11, con 110 persoas. E cos nenos ampliamos actividades durante todo o ano.
O reto é que a xente faga deporte en todas as etapas da vida, non?
Si. Cos mozos tiñamos o problema de que, acabado o COU, deixaban o deporte federado e non facían máis. E se era feminino, máis aínda. Para min é un súper orgullo ver que a Fundación, co Concello, a Agrupación de Mexilloeiros e os clubes, o traballo que se fai dá uns resultados. E temos nomes destacados como Pablo Otero, Eva Dios, Xoel Otero... son nenos que eu vin medrar alí nas actividades. Que dis ti: nun pobo de 5.000 habitantes e hai todo iso?
Teñen proxectos novos?
En principio non. Non podes meter actividades a maiores, porque non dan. Pero é importante ocuparse da calidade. Na Illa sempre se apostou por xente con formación, licenciados ou técnicos superiores.
Que cre que aporta o deporte?
É importantísimo para a saúde, está máis que demostrado, e tamén para o tema emocional. Os nenos están acostumados a ter as súas cousas, pero no deporte hai que compartir. E as alegrías son de todos, pero as derrotas tamén. Esta señora do bastón, o médico díxolle que deixara de vir a ximnasia. E o concelleiro de Deportes, que fora o médico anterior, coñecíaa, e dixo que nin se lle ocurrise deixalo, porque só co desprazamento e a socialización que facía, xa valía. Ela facía o que podía, sentada, e non pasaba nada.