Días de encrucillada e honra

honrar, coa simbólica Medalla Castelao, a traxectoria de servizo á comunidade galega de Camilo Nogueira, do grovense Javier Olleros e outras persoas que fan, día a día coa súa labor cotiá, agrandar o noso patrimonio inmaterial e a identidade de país diferenciado; e facelo na data que lembra o plebiscito histórico do Estatuto de Galiza primixenio é boa ocasión para reparar na encrucillada histórica do momento, a perspectiva do futuro e, daquela, decatarse da necesidade de avanzar máis alá dos límites da norma autonómica en vigor, facendo uso da súa propia capacidade de impulsar o debate e revisión, para dotarnos dun “marco político que recoñeza o que somos, unha nación sen estado, para que as decisións relevantes estean nas mans da cidadanía galega e avanzar unha sociedade máis democrática, plural, capaz de responder ás demandas da mocidade, do feminismo, da diversidade, da emerxencia ambiental, que aposte pola innovación, que garanta o dereito ao uso pleno da nosa lingua, o coidado das persoas maiores, que blinde os dereitos das mulleres, preserve os servizos públicos e a xeración e reparto xusto da riqueza”. É urxente e xusto.

Ampáranos aquela grande unidade arredor dun proxecto aglutinador de vontades que colleu máxima expresión simbólica co resultado do plebiscito do Estatuto de Autonomía para Galiza, votado o 28 de xuño de 1936, nunha épica vitoria que, mágoa diso, chegou tarde para materializar a institución dun poder galego, similar á experiencia da que gozaban xa outras dúas comunidades territoriais no ámbito estatal, pola fatalidade de atopar no camiño da súa cristalización xurídica o golpe militar contrario á legalidade popular que impuxo pola forza das armas unha ditadura totalitaria e represora dos principios de liberdade ou demanda de autonomía territorial.

A ringleira de persoas que poden ollarse nas fotos da época, diante dos colexios electorais para emitir o seu voto, amosan o fervor popular dunha reacción que, sen embargo, ten moito traballo detrás en quendas sucesivas de intentos por acadar un resultado favorábel á promulgación dun status de autonomía para este noso país. Varios proxectos de Estatuto que foron sucedéndose durante o período da Segunda República española que teñen mesmo unha reflexión anterior e sucesivas manifestacións en tempos precedentes, especialmente entre os obxectivos políticos enunciados pola Asemblea Nazonalista de 1918 que declaraba a Galiza como nación, dentro dunha federación de Estados das nacións ibéricas, na que debería ser cooficial a lingua galega, con predominio nos niveis de ensino e coa esixencia aos funcionarios de coñeceren o galego.

Agora, como herdeiros do legado de Castelao, Bóveda e do Partido Galeguista, verdadeiro motor de explosión daquel simbólico Estatuto de 1936, toca conquista máis cotas de goberno e máis poder político; e dicir, máis soberanía, para “gobernar nós a Nosa Terra”. Seguir o camiño histórica da causa galega de dignidade, benestar e liberdades para construír un futuro mellor a favor da xente.

Días de encrucillada e honra

Te puede interesar