erra queimada é, á vista do informe coñecido esta semana sobre a emerxencia climática que afecta a humanidade enteira, a metáfora máis acaída da situación creada ao medio ambiente polo actual sistema económico e social que leva ao límite a resistencia do planeta Terra ata o nivel do que podería ser o título dun filme de terror apocalíptico, unha serie dramática pola posesión e uso das terras agrarias produtivas ou mesmo un violento argumento de película do Far West, o vello oeste americano da conquista a tiro limpo dun territorio furtado ás nacións orixinas daquel espazo. Vén a conto desa secular táctica militar da política de terra arrasada caracterizada por destruír absolutamente todo o que poida ser de utilidade ao inimigo cando unha forza avanza a través dun territorio ou se retira del. Concepto nacido historicamente da práctica de queimar os campos de cereais durante as guerras e conflitos na antigüidade, privando de víveres, esnaquizando colleitas e destruíndo calquera tipo de refuxio, transporte ou posibilidade de subministración ao contrario. A táctica da terra queimada é unha acción que vincula aspectos militares, económicos e mesmo psicolóxicos dunha estratexia. Daquela é, agora en territorio propio, iso que sucede co clima. Na encrucillada futura da modificación dos patróns que regulan o clima, o novo informe, IPCC, dado a coñecer polos expertos nesta ciencia, volve presentar datos abafadores nas bases fundamentais do cambio climático que sabemos desde fai tres décadas, a saber: Está a ocorrer, cáusanos as emisións de gases de efecto invernadoiro debidas á actividade humana, as súas consecuencias son e serán terribles, pero aínda podemos evitar os seus peores efectos se reducimos as nosas emisións cando nos movemos, xeramos electricidades ou producimos cousas. Particularmente grave é a previsión dun aumento da frecuencias de secas agrícolas, das que o territorio galego non está excluído; en tanto que afectan moi directamente ás cadeas globais de producións de alimentos e, por tanto, aos seus prezos, son un dos fenómenos con máis grande impacto individual e social e, de feito, causa principal de conflitos ao longo do planeta. Con todo, a lección crave do informe é que o noso futuro depende completamente do conxunto de decisións económicas e políticas que se tomen na próxima década. O documento é un mapa que nos coloca nun cruzamento de camiños e dinos cara a onde leva ca un. Precisamos dunha transición ecolóxica que estea á altura do reto ao que nos enfrontamos, xusta a favor da maioría social das persoas. É tempo de promover a creación de millóns de empregos verdes, recuperar o mundo rural despoboado, abaratar o prezo da luz e procurar alternativas de mobilidade sostible tanto nas cidades como tamén nas vilas e lugares de menor tamaño. Chegar a grandes acordos formais é algo probado, porén non pode quedar en papel mollado que ten conta de todo o que se escribe nel. É hora límite de pór mans á obra. Está en xogo a propia civilización no seu conxunto.