Patrimonio de vía estreita

É sabido que a rede ferroviaria estatal, a respecto do modelo normal no resto dos territorios continentais, está caracterizada polo tipo de ancho ibérico, peculiaridade compartida coa dos camiños de ferro portugueses, unha medida máis alongada que a do largo internacional; e loxicamente ben diferente ás secundarias do largo métrico. Ese patrón de vía con ancho superior ao europeo, na falsa opinión popular xustificado como medida para impedir unha potencial invasión foránea por vía férrea, na realidade é causa dun erro de cálculo que partiu de supor unha máis grande potencia empregando locomotoras máis anchas para sortear a dificultade de tránsito en territorio caracterizado por unha xeografía montañosa. Desacerto que se corrixiu co deseño de locomotoras máis longas e agora, para facilitar a comunicación cos países da veciñanza, é o estándar que se decidiu usar có proxecto da Alta Velocidade, esa que agardamos chegará antes de rematar o ano ao noso territorio galego; iso si, máis unha vez, co atraso secular de sempre.

Secasí, visto coa traxectoria do tempo ido, é sarcástica a irónica voz poética de Curros Enríquez que vaticinou “na chegada a Ourense da primeira locomotora” que “por onde ela pasa fecunda os terreos, espértanse os homes, florecen os eidos”, falsa previsión que se trocou en decepción e fracaso xa que non foi certo que “tras dela non veñen abades nin cregos; mais vén a fartura, a luz e o progreso” e daquela a católica chamada ao “bo samaritano, dálle auga ao sedento; que a máquina é o Cristo dos tempos modernos” non representou o cambio, a modernización ou a transformación radical do potencial económico e industrial do país, en boa medida pola tardía conexión galega co resto do mundo, malia ser Galiza pioneira neste medio de transporte, o segundo no ámbito ibérico coa liña de Cornes a Carril, inaugurada o 15 de setembro de 1873.

Ás portas de celebrar o 150 aniversario deste acontecemento no impulso industrial galego e coincidindo coa conmemoración do actual Ano Europeo do Ferrocarril, iniciativa impulsada pola Comunidade Europea para destacar a vantaxe do transporte ferroviario como medio de transporte sostíbel, intelixente e seguro; una xornada celebrada na pasada semana polo Consello da Cultura Galega reivindica a catalogación e protección do patrimonio ferroviario que neste pasado secular deixou unha forte pegada entre nós, nos viadutos, pontes, máquinas e nas estacións de trens. Caso indiscutíbel da vella Estación de Carril, entre outros bens de interese cultural similares, para o que se precisa unha acción de “catalogación e protección” como representante do patrimonio material de factura industrial que debe ser complementado có de carácter inmaterial, documentando e rexistrando as “historias vencelladas ás vivencias das persoas, ao sindicalismo derivado da construción dos trazados e outros relatos afíns”, partindo xa do traballo voluntario feito polas asociacións de “amigos” do ferrocarril. Fuxindo así da vía estreita do desleixo institucional.


Patrimonio de vía estreita

Te puede interesar