InnovaPeme mobilizará 5,6 millóns de euros para potenciar 36 empresas

O programa aposta polo impulso das actividades innovadoras das pequenas e medianas empresas galegas | aec

Impulsar as actividades innovadoras das pequenas e medianas empresas galegas. Esa é a base sobre a que se sustenta o programa InnovaPeme promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain). Un plan que xa suma a súa cuarta convocatoria e que, desta vez, ten o obxectivo de mobilizar un investimento de ata 5,6 millóns de euros. A Administración autonómica acaba de resolver esta nova edición do programa, destinado a potenciar as capacidades e actividades innovadoras de até 36 pequenas e medianas empresas de Galicia, das que o 61% son microempresas que non chegan aos dez empregados en nómina. Trátase dunha edición na que, segundo a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, se invisten 2,8 millóns de euros nunha liña de axudas que, grazas á colaboración entre os entes públicos e o empresariado privado, permitirá mobilizar un investimento total en I+D+i de 5,6 millóns de euros.


O programa InnovaPeme está cofinanciado polo Fondo Europeo de desenvolvemento Rexional (Feder), dentro do marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020. A través das súas liñas de axuda as empresas reciben un apoio económico medio de 77.700 euros, un 50% do custo subvencionable a través destes plans.


Cultura da innovación

A través del, dende a Xunta buscan promover a cultura da innovación, así como incrementar o número de empresas da comunidade e a competitividade destas pemes. Ademais, o programa permite potenciar a colaboración das compañías co resto de axentes que se desenvolven dentro do ecosistema innovador e favorece a comercialización de resultados de I+D+i ampliando de paso a visión por parte dos xestores.


Unha das principais novidades desta cuarta edición de InnovaPeme é que quedaron excluídas as empresas que xa foran beneficiarias en anos anteriores, de xeito que se fomenta que as axudas á innovación cheguen a un maior número de compañías e, así, de paso, tamén se amplía a base de firmas innovadoras galegas. Con esta circunstancia non é de estrañar que 21 das 36 empresas que recibiron finalmente o apoio económico (o 58%) nunca antes tiveron unha achega por parte da Axencia Galega de Innovación. Con esta perspectiva, InnovaPeme contribuirá este ano á creación e mantemento de emprego de calidade, posto que os plans apoiados contemplan a contratación de até 45 novos técnicos, un 42% deles pertencentes a colectivos sensibles e de especial protección, como é o caso das mulleres e das persoas con discapacidade. Ademais, tamén se fomenta o mantemento de 149 postos de traballo e seis de cada dez contratos ten carácter indefinido.


A duración media da posta en marcha das actividades de innovación sitúase no entorno dos quince meses e medio e nesta convocatoria incrementáronse de forma salientable o número de colaboracións con organismos de investigación e empresas provedoras de tecnoloxía, en liña coa filosofía do fomento da innovación aberta e a creación de sinerxías, que se incrementou nun 43% dende a primeira edición desta iniciativa. Ademais, o balance deste programa, posto en marcha en 2017, deixa datos como que un total de 160 compañías xa se viron beneficiadas, cun orzamento de axudas de 13,3 millóns de euros que permitiron mobilizar un gasto en I+D+i de 26,6 millóns. O 48% das axudas de InnovaPeme tiveron como destino microempresas, o 31% para pequenas e o 21% para medianas, mentres que os sectores que recibiron un maior apoio foron os das TIC, a enxeñaría e a industria agroalimentaria.


Nestas catro convocatorias tamén se crearon e mantiveron 767 postos de traballo e impulsáronse 224 colaboracións con universidades e empresas tecnolóxicas, o que repercutiu en reforzar a innovación colaborativa entre estas entidades de menor tamaño.


Pero InnovaPeme non é o único programa que vai no camiño de fortalecer as pequenas e medianas empresas galegas a través da innovación, senón que se complementan con outros como o de impulso á innovación nas pemes, ao que a Xunta destina 12 millóns de euros co obxectivo de beneficiar a 15.000 firmas; e actuacións como a nova liña de axudas DeseñaPeme para mellorar a capacidade de innovación e sustentabilidade a través da incorporación e a xestión do deseño estratéxico, ou os de Conecta Hubs e Conecta Covid, pensados para favorecer a transición dixital. 

InnovaPeme mobilizará 5,6 millóns de euros para potenciar 36 empresas

Te puede interesar