Condes de Albarei reciclou arredor de 950.000 quilos de residuos durante o ano 2024. Foron, en concreto, 887.000 quilos de vidro, 55.000 de cartón, 6.700 de cortiza e 1.670 de aluminio.
A adega fixo públicos os datos con motivo da celebración este 17 de maio do Día Mundial da Reciclaxe. Dende Condes valoran a “importancia do coidado da nosa contorna, unha cuestión na que todos xogamos un papel importante”. Así, a firma “traballa ano a ano por un modelo produtivo o máis sostible posible”. “Con este obxectivo en mente, a adega atópase inmersa en diferentes proxectos e actividades que traballan orientados a este fin”.
Pero ademais da reciclaxe, o seu traballo no viñedo cobra unha importancia significativa. Por este motivo os seus viticultores reciben anualmente formación por parte de expertos. “O obxectivo é minimizar a utilización de fitosanitarios a través do emprego de diferentes tipos de técnicas e accións, e sempre en perfecta coordinación co departamento de viticultura da adega”, sinalan desde Condes.
Neste sentido, por exemplo, a adega traballa co uso de feromonas de confusión sexual para acabar coa avelaíña do acio que ataca á vide. Trátase dun “tratamento altamente eficaz e unha alternativa natural á utilización de insecticidas”.
“É unha responsabilidade de todos coidar e protexer a nosa contorna o que mellorará a nosa vida diaria”, engaden. “Desde Condes de Albarei téñeno claro: para poder elaborar viños de calidade excepcional necesítase unha boa uva que só se consegue se o medio está coidado”.