O de hoxe é un dos días grandes para Vilagarcía, cun pregón que dá por iniciado unhas festas que teñen a maxia dos reencontros, da volta á casa nas vacacións ou de sentirse, de novo, como un neno. Para que todos, pequenos e maiores, o pasen en grande, a Concellería de Cultura ten deseñado un intenso programa. Pero, cando empeza realmente ese traballo?
Como é a elaboración do programa de San Roque? Cando comeza?
Probablemente xa empezou o traballo de San Roque 2026. Como se miran moitas propostas ao longo do ano, hai algunhas que non entran e quedan en recámara. No caso dos concertos, o parque da Xunqueira é un sitio bastante grande que ten que ter un público importante e ás veces ves que a traxectoria dun artista pode medrar. Estás constantemente buscando cos ollos e coas orellas ben abertas, para ver que novedades están funcionando.
Cal é o evento máis complicado de organizar?
Probablemente o Combate Naval, a pesares de que xa ten un plan de seguridade moi traballado, que se vai perfeccionando cada ano. A última medida que se adoptou foi a de cambiar os barcos por unhas plataformas, que son máis seguras porque o espazo é diáfano e non vai arder. Pero é un evento con moitas administracións implicadas, como o propio Concello, o Porto, Costas, Autoridade Portuaria, Capitanía Marítima, Guardia Civil ou Policía Nacional.
Como definiría as festas de San Roque para alguén que non as coñece nin as viviu nunca?
Pois é algo máis que a Festa da Auga. Non duran un día, unha noite ou unha mañán. Duran dez, once días. É un paquete completo: Combate Naval, conertos, Festa da Auga.... Iso é moi atractivo. O programa ten como finalidade chegar tanto a nenos como a adultos. Ao ser tantos días, nos permite chegar a públicos moi diferentes, por iso hai propostas tan distintas. Nada ten que ver Mondra con Bustamante ou con Ainhoa Arteta. Aquí cada un leva un seleccionador. Sempre din: “Eu faría estas festas porque son as que a min me gustan”. Pero do que se trata é de que haxa para todos.
Festaclown ten a súa vertente reivindicativa, que este ano estaba bastante clara...
Este ano, máis que nunca. De feito, o primeiro día xa hai unha gala contra a barbarie en Gaza. Non esperabamos menos de Paiasos en Rebeldía, que leva moitos anos traballando en Palestina. As noticias que coñecemos son absolutamente aterradoras, hai unha ocupación directamente no territorio e non se pode mirar cara a outro lado.
Cales son os motivos á hora de elixir ao pregoeiro deste ano, Gus Andújar?
Polo seu éxito deportivo, co seu equipo, e porque leva toda a vida e cremos que representa esa constancia. É unha homenaxe a unha forma de facer as cousas.
Xa hai uns anos que se tomou a decisión de volver á esencia dos caldeiros e prescindir de regos, ven para quedar?
A pandemia cambiou bastantes cousas e había unha parte da xente de colectivos que nos dicían que se estaba indo de madre e xa o pedían, incluso antes da seca. Estamos pedíndolle á cidadanía responsabilidade, aínda que os datos que temos din que o 16 non é o día de máis consumo de agosto nin moito menos. É un xesto ante un problema real que funcionou ben. A idea de que veciño molla a veciño foi como empezou esta festa e parécenos que manter as esencias é bonito. Se desde o Concello quixeramos inventala, probablemente non funcionaría, porque as festas que mellor funcionan son as que nacen da cidadanía. É, probablemente, a nosa marca máis significativa, pola que coñecen a Vilagarcía en tantos sitios.
E cal é o seu recordo máis marcado das festas de San Roque?
Sendo concelleira, a primeira vez que vivín o día da Auga desde dentro da igrexa, no momento de sacar o santo. Estás a escuras, abren as portas e estalla un berro de loucura colectiva que che pon os pelos de punta.